EDITORIAL 4: DE PARTICIPACIÓNS, SOBERANISMO CÍVICO E CAMBIO DE ‘RÉXIME’

Veñen de coincidir no tempo as primarias do PSOE para elixir o seu secretario xeral e a consulta de EnMarea para coñecer a opinión das inscritas sobre a moción de censura anunciada (e xa presentada) polo grupo Confederal de Podemos-En Marea-En Comú Podem.

Trátase de dúas consultas de carácter diferente pero a súa vez interrelacionadas.

No primeiro caso, por vez primeira, desde que as primarias son o instrumento utilizado polo PSOE para elixir a súa secretaria xeral, as votacións no Partido Socialista non ían so de elixir o seu máximo representante senón que se daban nun contexto de crise estrutural da socialdemocracia a nivel global e a confrontación de dous modelos políticos: un de carácter socialliberal (competindo co espazo que intenta representar Cs) e un espazo máis de corte clásico socialdemócrata.

Xa vai sendo unha constante que cando hai primarias no PSOE perde o aparato: Borrel, Zapatero e agora Sánchez son candidatos que venceron a presión dos chamados baróns.

Isto non so demostra que as bases do PSOE apostan claramente por un proxecto reformista de carácter social, senón que no momento de ‘fin de réxime’ no que estamos, a militancia socialista aposta pola superación do modelo actual, dato que debería ser tido en conta polas forzas do cambio.

En procesos de tránsito político acaba sempre  xurdindo un entendemento entre as elites reformistas do réxime e as forzas de oposición ao mesmo.

A clave do cambio pasa por un entendemento polas bases, e o electorado, que hoxe apoian ao PSOE, e aqueles que apoian a necesidade dun cambio máis radical, aínda que para iso faga falla un cambio de partitura nos dous polos.

Estamos diante dunha terceira oportunidade para sacar do goberno ao partido máis corrupto e conservador dos partidos gobernantes de Europa, ademais de iniciar o camiño para que o proceso constituinte no que xa estamos teña resultados a favor da maioría na nova democracia a construír.

A primeira oportunidade perdeuse en xaneiro de 2016 cando nun erro táctico, que con posterioridade converteuse en estratéxico, Podemos volveu a confundir gobernar con facilitar a investidura dun candidato alternativo (neste caso a Rajoy). A  investidura tería sacado a Rajoy da Moncloa, facilitaría a saída de Feijoo uns meses despois e convertería a Podemos, e aos seus aliados, na oposición real.

Os resultados de dito erro xa os coñecemos: perda dun millón de votos e imposibilitar a alternativa a Feijoo.

A segunda oportunidade é de tempo. Coa memoria recente polo electorado de esa equivocación e en pleno proceso de primarias do PSOE, a moción en lugar de parecer de para sacar ao PP do goberno parecería que está feita para incordiar a un dos partidos da oposición.

Nese contexto, En Marea celebrou unha consulta as súas bases sobre dita moción. Parecería extemporáneo, toda vez que a moción mesmo xa esta presentada, pero era necesaria, poís, o que se debatía era o propio dereito de En Marea a decidir de xeito autónomo e democrático.

E así o entenderon as membros inscritas de En Marea participando, pese a todo, nun 37,02% das censadas (en Podemos participaron soamente o 17,99%)

Non se trataba so de cumprir o mandato fundacional de En Marea, de que as decisión estratéxicas (e unha moción de censura así o parece) da organización se tomen polo conxunto da organización.

Tratábase de fortalecer o proxecto nacional, non explicado o mesmo como un  feito froito dun esencialismo de carácter ideolóxico, senón sustentado nun soberanismo cívico de carácter democrático.

Ademais o feito de que o 14,94% das votantes se situaran en contra amosa unha minoría  máis cualificada da que se deu na consulta de Podemos (2,56%), expresión dunha militancia crítica.

En todo caso, a terceira oportunidade, pasa por un entendemento entre as forzas de rutura e as forzas reformistas do réxime onde sen dúbida a clave é o entendemento  entre as bases.