Xira 2017: presentación libro (Re)pensar a democracia

O foro de pensamento renovador OBenComún lanza o seu 4º titulo do seu selo editorial. “[Re]Pensar a Democracia” volve a ser unha obra coral, ao igual que o anterior titulo “Ecoloxismo Político: Olladas desde Galicia”, adicado as cuestións relacionadas coa reinterpretación da democracia en clave de radicalidade participativa e rexeneración ética.
[Re]Pensar a democracia. Transitamos cara a unha nova democracia ou, se se quere, unha nova conceptualización da democracia. Facémolo desde o ámbito local, no que o 15M sinalou claramente que camiñabamos sobre un modelo político esgotado hai tempo. E tamén no global, xa que o contrato social   da modernidade, como ben observou o profesor Sousa Santos, xa hai tempo que vén deixando fóra a un importante continxente social cada día máis amplo.

Falar de democracia consiste en remitirnos ao tempo que nos tocou vivir, un tempo de incertezas, de máis interrogantes que de respostas, pero, quizais por iso mesmo, unha época necesariamente máis democrática na proposición das mesmas. Falar da crise da democracia remite á crise paradigmática, á necesidade de construír o novo contrato social da posmodernidade.

Este libro, pensado para achegar reflexións sobre a democracia, a radicalidade e os seus límites, xestouse cara a finais de 2015. Nese momento viviamos o entusiasmo que producía a comprobación práctica de que o movemento cidadanista impulsaba plataformas de cambio real nun momento político que situaba o factor democrático no centro da súa construción paradigmática, dándolle máis preponderancia ao eixo arriba/abaixo, centrando a axenda política na rexeneración dun modelo atrapado na lama da corrupción e valorando a radicalidade democrática diante doutros aspectos agora máis secundarios.

Viñemos ata aquí, a este tempo, a través dun chamamento soberano para construír un novo país e unha nova democracia, non un novo espazo corporativo. Chegamos aquí, a este tempo, nun chamamento cidadá para construír un espazo común que superase as dinámicas de partido. Viñemos aquí, a este tempo, a través dun chamamento fraternal para construír un movemento de cambio no que non sobraba ninguén, e no que mesmo faltaba aínda moita xente. Chegamos aquí convocadospolo 15M, e a mensaxe era clara: o modelo está esgotado (queremos unha nova democracia que si nos represente) e os interfaces da antiga política non nos interpelan. Formulen novas epistemoloxías, categorías, metodoloxías…

Quizais a cuestión democrática pasa por repensar todo, pola necesidade de recuperar o mellor da filosofía da praxe e darlle ao activismo osíxeno teórico. Con total seguridade, tal como afirma Fernández Naveiro, os primeiros liberais non foron precisamente demócratas entusiastas e foi a esquerda en xeral, e o marxismo nun primeiro momento, quen obrigou a incorporar estándares máis esixentes ás democracias. Pero tamén coa mesma seguridade, os herdeiros da esquerda política arrombaron con posterioridade os ideais democráticos e deixaron de crer na necesidade de coidar os seus mecanismos básicos, sen os cales non é posible avanzar en democracias máis avanzadas.

Quizais a excesiva proliferación de adxectivos amosa unha desconfianza polo substantivo, reticencia que necesariamente cómpre superar.

Presentación inicial:

  • Martes 27 de xuño ás 19,00 horas. Libraría Couceiro

Xira presentacións:

  • Lugo. Xoves 29 de xuño ás 19,00 horas. Libraría Trama
  • Cangas. Venres 30 de xuño ás 18,00 horas. Libraría Wells
  • A Coruña. Xoves 6 de xullo ás 20,00 horas. Libraría Formatos
  • Ferrol. Venres 7 de xullo ás 19,00 horas. (pendente lugar)
  • Pontevedra. Xoves 20 de xullo ás 20,30 horas. Libraría Cronopios
  • Ribadeo. Venres 28 de xullo ás 20,30 horas. Casa das Letras
  • A Estrada. Mércores 21 de decembro.
  • Vilanova de Arousa. Mércores 28 de decembro

Pendentes:

  • Ourense (pendente de data e lugar)
  • Vigo (pendente de data e lugar)

Peche da Xira:

  • Coimbra (novembro)