Galicia máis aló do PIB

Xosé Veiras

Artigo publicado orixinalmente no blog “Un claro no bosque” en Praza Pública

O PIB, o Produto Interior Bruto, continúa a ser o principal indicador económico.
A obsesión pola evolución do PIB reflite a  crenza ilusoria na posibilidade do crecemento ilimitado  nun planeta finito e exhausto e a visión do  crecemento continuado da economía (e da poboación) como condición indispensábel para o benestar social. Malia ter sido bastante cuestionado –e non só desde a economía ecolóxica-  como indicador de benestar, o  certo é que o PIB, xunto co emprego, segue a verse como a principal medida do éxito ou do fracaso do desempeño da economía.

Galicia non escapa do culto xeralizado ao PIB. Os indicadores económicos reciben maior atención que os sociais mentres que dos ambientais apenas se fala, especialmente daqueles máis relevantes (pegada ecolóxica, consumo de materiais e de enerxía primaria, emisións de gases de invernadoiro,…). E entre os indicadores económicos, ningún máis importante que o  PIB. Galicia progresa, avanza, crece, mellora, desenvólvese…só se o PIB medra. Se o PIB non medrar, calquera outro logro semella pouco relevante ou provisorio. O valor que atinxiu o PIB é secundario se este deixa de crecer, ou mesmo se aumentando, non converxemos coas comunidades autónomas e países con maiores niveis de PIB per cápita.

Máis PIB, máis benestar?

Por tras da consideración do PIB como o grande termómetro da economía está a identificación entre gasto monetario e benestar. Suponse que unha sociedade é máis feliz canto maior sexa o diñeiro que move a súa economía. Mais na realidade non sempre é así. No conxunto das  economías avanzadas dase o chamado paradoxo da felicidade (ou da satisfacción coa vida). A partir dun limiar de PIB por persoa, superado en rexións como Europa occidental, a satisfacción coa vida depende pouco do incremento do PIB.  Tamén se constata que países como Suecia ou Nova Celandia disfrutan de niveis máis altos de satisfacción que os EEUU, a pesar de o seu PIB per cápita ser inferior. Ou que países pobres con similar PIB por habitante poden experimentar niveis de satisfacción moi dispares.

O economista Tim Jackson, profesor de Desenvolvemento Sustentábel na Universidade de Surrey, afirma no seu libro “Prosperidade sen crecemento” que “non hai argumentos para abandonar o crecemento por completo. Mais hai argumentos moi fortes para que os países desenvolvidos dean espazo para crecer aos países máis pobres. É neses países máis pobres que o crecemento marca de feito a diferenza”.

Se queremos analisar a situación de Galicia desde unha perspectiva ecosocial, para sabermos cal é o noso nivel de benestar e en qué medida somos unha sociedade (in)sustentábel e resiliente fronte á crise ecolóxica,  cómpre  termos en conta  un conxunto diverso de variábeis. De lle darmos destaque a un indicador, este non debería ser o PIB, que despreza o valor do traballo de coidados e o voluntario, ignora a destrución ambiental, non reflite a distribución da riqueza ou contabiliza gastos defensivos (accidentes, militares,…) ou posicionais que non contribúen ao benestar (e desde hai pouco tamén a prostitución!).

image

O informe Sostenibilidad en España 2014, elaborado polo Observatorio da Sostibilidade (OS) –un observatorio cidadá creado para cubrir o vacío deixado polo observatorio oficial suprimido polo actual Goberno-, considera diversos “indicadores sintéticos ou de progreso da sociedade” alternativos ou complementarios do PIB, estimando o seu valor por comunidades autónomas para dous deles, o que nos permite situar o noso país no contexto español e mundial.

En Galicia vívese tan ben como en Cataluña pero peor que en Estremadura

O Better Life Index, proposto pola OCDE, “inclúe a noción de benestar alén do PIB e incorpora outras dimensións como a calidade do medio, a saúde, a forza das comunidades e a capacidade de resposta das nosas institucións”. Usando datos que corresponden maioritariamente ao ano 2010, o OS calcula un valor numérico para o conxunto das 11 dimensións consideradas neste indicador, cousa que non fai a OCDE. A maior valor, maior benestar. O cálculo do OS revela unha vez máis que non sempre existe unha relación directa entre o PIB por habitante e o benestar. Así, en Galicia, segundo este índice, a vida é tan boa como en Cataluña, a pesar de o noso PIB per cápita ser bastante inferior. É Estremadura, malia ter o PIB por habitante máis baixo do Estado español, está entre as comunidades nas que se vive mellor. Galicia, cun PIB maior que o estremeño, ocupa unha posición intermedia no conxunto das comunidades autónomas españolas. No caso do País Basco e Navarra si coinciden elevados niveis de PIB per cápita e de “boa vida”.

Ademais do cálculo do Better Life Index realizado polo OS para as comunidades españolas, resulta interesante tamén ollarmos a puntuación, de 0 a 10, acadada por Galicia en nove dimensións do benestar, información dispoñíbel en OECD Regional Well-Being.  O noso país recibe un 10  en seguridade  e roza o 9 en  saúde, de tal xeito que, nestes aspectos, situámonos entre as rexións máis avanzadas do mundo desenvolvido. Pola contra, en emprego estamos á cola, obtendo tan só 1,7 puntos.  Considerando todos os aspectos, o benestar do que desfrutamos en Galicia é semellante ao das rexións de Sardeña, Lisboa ou Hokkaido (Xapón).

A nosa felicidade saelle moi cara ao planeta, se ben menos que a dos madrileñ@s

O anterior indicador da OCDE incorpora a dimensión ambiental, mais só no que atinxe á calidade ambiental (auga e aire) a escala local. Non integra o impacto sobre o planeta do  consumo de recursos naturais e das emisións causantes do cambio climático. Algo que si fai o Happy Planet Index (HPI). Ideado polo think tank británico new economics foundation, este indicador integra a esperanza de vida ao nacer, a autopercepción da felicidade e a pegada ecolóxica. Vén ser unha medida da eficiencia coa que usamos o planeta para facermos que as nosas vidas sexan máis longas e satisfactorias. Aproxímanos ao custo ecolóxico a escala global do noso benestar.

A partir da metodoloxía proposta polo HPI 2.0 e o nef, validada polo economista Herman Daly, un dos grandes referentes da economía ecolóxica, o OS calculou este indicador por comunidades autónomas. A maior valor do HPI, mellor é a relación entre benestar e consumo de natureza. Galicia sitúase no posto sete no ránking das comunidades autónomas españolas, que encabezan Canarias e Estremadura e pechan Andalucía (sobre todo pola súa esperanza de vida relativamente baixa) e  Madrid (pola súa elevada pegada ecolóxica).

Se ampliamos o horizonte e observamos os resultados do HPI a nivel mundial salta á vista que estamos moi lonxe de vivirmos nun planeta feliz. Ningún país logrou unha  calidade de vida alta  –entendida como elevada esperanza de vida e como sentemento persoal de grande satisfacción coa propia vida- dentro dos límites ambientais. Os que máis se aproximan a este obxectivo, segundo o HPI, son Costa Rica, Vietnam e Colombia.  E os que máis se afastan son  moitos estados africanos e…os pequenos estados do golfo Pérsico –é claro que por motivos ben diferentes-. América Latina é a rexión do mundo con mellores puntuacións.

image

En Galicia e no conxunto de España, a  esperanza de vida é das máis altas do mundo, e estamos moderadamente satisfeitos coa vida que levamos. Porén, consumimos moita máis natureza e xeramos moita máis contaminación da que podemos. O noso benestar é ecoloxicamente insustentábel, baséase no espolio da natureza, doutros pobos e das xeracións futuras.

Alta participación de Galicia no consumo español de enerxía primaria

Ademais dos anteriores, o informe Sostenibilidad en España 2014 recolle outros datos de interese sobre a nosa terra. Entre os ambientais e dos sectores produtivos, un dos que paga a pena destacarmos -dada a acusada tendencia a tomar a parte polo todo e a identificar enerxía final (poñendo ademais o foco na electricidade) con enerxía primaria (materias primas enerxéticas sen transformar)-, é a elevada participación relativa de Galicia no consumo español de enerxía primaria, do 8,9% (2011), moi superior á que cabería agardar tendo en conta a nosa poboación ou o noso PIB.  Unha realidade que ten bastante a ver co consumo de grandes cantidades de carbón de importación para xerar electricidade nas pouco eficientes e moi contaminantes centrais térmicas das Pontes e de Meirama.

Onde si nos situamos á cola, como xa comeza a ser ben coñecido, é na porcentaxe de superficie incluída na Rede Natura 2000, que protexe –é un dicir- tan só un 12% do territorio do país. O informe sostén que “a política de declaración de espazos protexidos ten sido moi ambiciosa en España tanto a escala nacional como autonómica”. Galicia é a excepción, engadimos nós.

En materia de calidade do aire, o OS faise eco da avaliación anual efectuada por Ecoloxistas en Acción a partir dos datos oficiais, a cal deita por terra o mito da pureza do aire en Galicia, xa que o 90% da poboación galega respira aire contaminado por un ou máis contaminantes por riba do que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera aceptábel.