Infraestruturas, circunvalacións e outras mentiras

Cruz Villaverde

O colectivo veciñal Salvemos a Fracha ten denunciado máis de unha vez a falta de información con respecto ao proxecto da A57. Despois de 2 anos solicitando ser escoitados polos  responsables políticos que promocionan esta obra, seguen sen ser recibidos e sen que ningún estamento da administración conteste ás súas alegacións ou lles proporcione aclaración algunha sobre dúbidas que rodean este proxecto. O colectivo destaca a incoherencia da postura do BNG. Por un lado, defende a liberación da AP9 e, ao mesmo tempo, impulsa e apoia a construción dunha autovía paralela á mesma.

Tamén resulta asombroso que, pola súa parte, a Xunta de Galicia non se pronuncie en ningún momento sobre unha vía que está denominada na Ley 37/2015 de carreteras como a Autovía do Atlántico e que, segundo esta mesma lei atravesará Galicia de norte a sur, competindo directamente coa AP9.

Vaise converter isto un novo episodio de rescate de autoestradas? Dende logo o Ministerio de Fomento tennos afeitos a estas falcatruadas. En España xa van uns cantos casos que, xunto con outras infraestruturas inútiles, están esquilmando as arcas públicas en tempos de recortes sociais.

Despois de tanto exemplo práctico da política que non se debe facer en cuestión de infraestruturas -como en Galicia todo o mundo cala-, un pequeno colectivo, Salvemos a Fracha, levanta a voz de alarma ante o caso da Autovía do Atlántico e ningún responsable público (técnico ou político) recolle a mensaxe…

Non podo máis que cuestionarme a que vén tanto ocultamento. Por que non in(forman) a opinión pública do proxecto completo da A57? Son tramos soltos? Vaise facer a A59 por Redondela? E sobre todo, canto nos vai custar este sinsentido?

Coa experiencia da pésima planificación territorial nas últimas décadas das administracións españolas, a calquera se lle ocorre pensar que este sinsentido non ten máis fundamento que a súa relación coa lacra da  corrupción que vimos sufrindo nas últimas décadas neste país e da cal se comezan a ver as primeiras (aínda que xeralmente insatisfactorias) consecuencias xudiciais.

Porque… a quen lle interesa esta vía? Hai demanda social? Dende Salvemos a Fracha deféndese que non. Ó contrario, sempre tivo unha grande oposición, tanto os primeiros tramos deseñados  para circunvalar Pontevedra, que finalmente foron descartados por Fomento e eliminados do trazado que finalmente se aprobou, como os propostos para o sur de Galicia (A59 e outras variantes que están aí, nun limbo, ninguén sabe nada delas).

Pero non chegan demasiado tarde estas consecuencias xudiciais? O proxecto do tramo Vilaboa-A Ermida da A57 está a espera de xuízo contencioso-administrativo na Audiencia Nacional, pero as obras xa comezaron, estase a estragar o medio forestal e patrimonial afectado pola estrada, mesmo o Camiño de Santiago Portugués, e os danos no monte serán irreparables se finalmente se anula a construción da autovía.

De que valen sentenzas a posteriori si os danos causados xa non se poden reparar? O final sempre pagan os mesmos, os cidadáns, tanto economicamente como sufrindo os efectos ambientais e sociais.

E eu pregúntome, cantas crises económicas necesitamos para aprender? Despois da última deberíamos saber que o progreso non é o investimento en infraestruturas sen control. Ata nolo dixo a UE. Iso é derroche e despilfarro. Os homes de negro son a personificación de como a UE ven forzando a España dende o 2009 a facer recortes brutais en gasto, pero claro, non especifica que gasto. O truco está aí, aí e no uso ideolóxico da linguaxe, no concepto de gasto concretamente. O goberno español  dirixe eses recortes sobre todo cara o gasto social e menos cara o investimento en infraestruturas. Cal é o motivo de que sexa gasto social e non investimento social. Acaso investir nas persoas que conforman o pobo non reporta beneficios a propia sociedade como sociedade? Acaso a educación non proporciona progreso?

Polo mesmo motivo (ideolóxico) as infraestruturas non son un gasto que hai que realizar para proporcionar un servizo, senón un investimento. Non discuto que teñen un retorno, pero  ningún experto cuestiona que o investimento social tamén, a cuestión é que aínda que pensemos nese retorno só en termos económicos, o irracional é que as pensamos en termos cuantitativos e non cualitativos, “cantas máis, mellor!” e non “canto mellores, mellor”. E isto ten unha explicación, a sociedade do desenvolvemento deunos a entender,  e así o segue pensando a maioría, que cantas máis estradas e máis aeroportos… e infraestruturas en xeral, mellor. E agora, pese ás dúbidas que nos entran a moitos ante a esperpéntica visión da política do despilfarro, a todos nos custa pensar en termos de maximización de efectivos en base a organización e planificación territorial de forma integral.

Tanta incoherencia xa non sorprende, o sorprendente é que sigamos autoenganándonos. A A57 comeza xa a facerse realidade en Pontevedra, precisamente o único feudo capitalino que lle queda ó BNG. E precisamente a petición do goberno local liderado por Lores, que apremiou  en reiteradas ocasións, algunhas persoalmente, á ministra Pastor para que acelerase o inicio das obras no termo municipal. A incoherencia está en que namentres o goberno de Lores defende a capa e espada polo mundo adiante o modelo de cidade para as persoas, defende para o rural pontevedrés o modelo da España máis cañí, a do despilfarro. E todo isto coa única escusa, buscada ademais coa máis pura estratexia caciquil de toma de decisión: “se os demais a teñen nos tamén queremos unha”, neste caso co seu reiterado lema “Pontevedra é a única capital de provincia que non ten circunvalación”. Ata aí a lóxica resulta ata admisible. Pero non debería ser máis ben “que circunvalación necesita Pontevedra?”  porque entre o norte e o sur desta cidade xa hai unha circunvalación que conecta e pasa por o oeste da vila, a AP9. Ata o mesmo Mosquera vén de darlle a razón a Salvemos a Fracha en que a A 57 non ten sentido como circunvalación, só se chega ata Barro.

Pero Barro e Pontevedra non están conectadas xa por unha autoestrada? Penso que sería máis lóxico preguntarse e planificar ben que tipo de vía se necesita polo leste e que estratexias de negociación coa Xunta de Galicia ou outras administración responsables de tales obras se van a levar a cabo para conseguilo.

E por último, todo isto, a poder ser, sen traizoarse a si mesmo e manter a defensa das persoas no territorio como no seu modelo de cidade. O desenvolvemento sustentable, amable, intelixente… non está pensado só para as zonas urbanas como o BNG de Pontevedra defende, tamén para o rural. Esa cousa tan abundante e tan maltratada en Galicia.