Non é unha crise, e a fin do crecemento

Iván Rodríguez Lombardero

Quen me ía dicir a min, cando decidín estudar xeoloxía, que o final do noso sistema económico ía chegar por razóns xeolóxicas. Non por unha crise ambiental, non por unha revolución social, non por un colapso financeiro senón por razóns xeolóxicas. Pois niso estamos!

Moitos non escoitaron aínda falar do teito do petróleo, o “peak oil”, e é normal porque non o mencionan nin os políticos nin os medios de comunicación. Falamos del colectivos marxinais e agrupacións políticas minoritarias. Fíxeno eu no meu blogue cun paralelismo co que sucedería se un meteorito que nos alcanzara en cinco años, pero sen afondar nun tema que sen dúbida o merece.

Marion King Hubbert foi un xeofísico que traballou para a petroleira Shell en Houston, Texas. Foi el quen elaborou a teoría de que as cantidades de petróleo extraidas durante a explotación dun campo petrolífero presentan unha evolución similar a unha campá de Gauss:

1) Nunha primeira fase a produción experimenta un rápido incremento desde a primeira perforación, conforme se van abrindo novos pozos. O petróleo sae a presión debido á carga de sedimentos que soporta.

2) Segundo a “bolsa” se vai baleirando o petróleo perde presión ó ceder a carga ás rochas entre cuxos grans se atopa, e comeza a frearse o incremento do caudal de saída e con el a produción do campo, que se vai estabilizando.

3) Ó final da fase dous chega aproximadamente cando temos extraida a metade do petróleo que hai no campo. Acadado este máximo, a produción deixa de medrar e comeza a reducirse. É o pico de produción do campo, que adoita suceder cando levamos extraida a metade das reservas existentes.

4) Superado o pico, aínda podemos seguir a extraer petróleo, se ben a menor velocidade, debido á maior dificultade: o petróleo deixa de fluír por si mesmo e comeza a ter que ser extraido inxectando fluídos máis pesados por baixo del.

5) O campo se abandona non cando se esgota todo o petróleo dispoñible, senón cando a extracción consume máis enerxía da que se vai conseguir despois queimando o extraido.

Das leccións aprendidas de Marion King Hubert destacamos:

A máxima velocidade de extracción se produce cando xa se extraeron a metade das reservas, e a partir de aí, aínda que queda a outra metade, a velocidade de extracción do mesmo se reduce progresivamente ata que deixa de ser rendible a explotación.

Foi tamén Hubbert quen estableceu que esa mesma curva se podía aplicar ó total dos xacementos existentes nunha rexión, incluídos os xa en explotación, as reservas xa coñecidas e aínda sen explotar, e incluso tendo en conta posibles novos xacementos aínda por atopar. No ano 1956 calculou a curva envolvente, ou sumatoria, para os xacementos dos Estados Unidos e predixo que o “teito” ou máximo de extracción se acadaría a finais dos 60 ou principios dos 70. El faleceu sen sabelo, pero cando se confirmou a súa predición no ano 1970 gañou -postumamente- grande notoriedade.

Antes de morrer, Hubbert fixo un traballo análogo para todos os xacementos coñecidos a escala global (loxicamente con moita menos información nas súas mans da que tiña para os EEUU, e formulou outra predición: sobre o ano 2000 se acadaría o máximo de capacidade de produción de petróleo a nivel planetario. Pois ben, na súa memoria anual do ano 2010 a Axencia Internacional da Enerxía recoñeceu -sempre negara a validez da teoría de Hubbert- que no 2006 se acadara o teito do petróleo convencional a nivel global.

Peak oil

Significa isto que se acabou o petróleo? Evidentemente non: segundo a teoría de Hubbert queda aínda a outra metade. O importante é que a súa dispoñibilidade vai ser cada ano menor que o anterior, e que o custo da súa extracción vai ser cada vez máis elevado.

A repercusión deste feito constatado pola AIE -e silenciado polos medios convencionais de comunicación- sobre a economía mundial é clara:

  1. Non sabemos “medrar” economicamente sen consumir enerxía, e o petróleo é “a nosa enerxía”: Supón -cun 40%- a principal fonte de enerxía primaria mundial.
  2. No caso do transporte é o 95% da que empregamos: Que vai ser da globalización cun transporte encarecido e en retroceso?
  3. E no da produción de alimentos, máis do mesmo: Que vai ser da produción alimentaria convencional sen combustible para mover os tractores?
  4. Finalmente, sinalar que a humanidade nunca afrontou una situación coma esta na que non temos ningunha alternativa enerxética capaz de re-emprazalo -nin de lonxe-.

Polo momento atopámonos na fase case horizontal da campá de Gauss. A maiores, a crise de demanda global xerada pola rotura da burbulla do crédito ven de reducir a demanda enerxética -se ben é certo que algunhas voces sinalan que é a redución da dispoñibilidade enerxética a que nos impide crecer-. Porén, coñecido que xa superamos o teito do petróleo, e que non imos poder contar con máis “petróleo por ano” do que extraiamos no 2006, as chamadas á recuperación do crecemento económico (que implicaría sacar máis petróleo por ano, o que xa nunca poderá suceder) dos “axentes sociais”, do goberno, da oposición de esquerdas e mesmo das institucións internacionais resultan entre cínicas -se o saben- e entenrecedoras -se non-. Non estamos ante una crise temporal: o crecemento tal como o coñecemos non vai volver.

Entón, que facer? Primeiro, respirar fondo, e despois ler (a Guía para o Descenso Enerxético de Galicia é un bo comezo), contactar con aqueles que levan tempo estudando e pensando (Véspera de Nada, a rede Cidades en Transición…). E prepararse, claro, tomando decisións que nos axuden a facilitar o sostemento das comunidades humanas no novo contexto.

Nas cidades, boa parte da poboación deberían ir preparando a viaxe ó rural, onde o acceso ó alimento e as necesidades básicas será máis sinxelo. E no rural, convirá ir tecendo redes, facilitando a acollida ós novos rurais, diversificando la produción -hoxe centrada nuns poucos produtos que se venden fóra- para abastecer os mercados locais e recuperando os métodos e técnicas de produción de alimentos previas á “revolución verde”.

Pero sobre todo, e en todas as partes, debemos comezar a reflexionar sobre canto é abondo, haberá que ir preparando as cabezas -desfacéndonos de vicios e prexuízos- até comprender que imos a ser máis felices con menos.