Democracia 2.0

Javier Rocamora

Hai una maldición china que di “Oxalá vivas en tempos interesantes”. E iso é o que estamos a vivir dende 2009-2010. Tempos interesantes será, probablemente, o xeito de recordar a época presente nos libros de historia. Tempos de mudanza económica, social e política.

Os seres humáns tendemos a reaccionar cando se nos pon entre a espada e a parede. Dicía o falecido Terry Pratchett (sí, e un escritor de novelas de fantasía e encima humorísticas, ou sexa dúas veces maldito entre a ‘literatura seria’) que “a intelixencia dunha masa de xente é o resultado de coller o coeficiente intelectual do máis tonto e dividilo polo número de integrantes de dita masa”. Ata agora, este principio foi válido na nosa actuación como especie. A intelixencia colectiva precisa dun caldo de cultivo adecuado para desenvolverse e florecer,  e nun mundo que premia a individualidade e que pon a competencia como ben supremo, a suma das intelixencias individuais é difícilmente multiplicadora.

O noso sistema de representación política é un bó exemplo disto. Hai xente moi brillante a nivel individual en tódolos partidos políticos, pero cando actúan como grupo xurde o problema. A repetición das eleccións xerais o vindeiro 26J é un síntoma de idiotez colectiva no seno dos partidos, que puxeron (oh, sorpresa!) os seus intereses particulares (mellor dito, os intereses dos seus líderes e cadros directivos) por enriba do ben común. Enviámoslles unha mensaxe moi clara o 20D: tendes que chegar a un acordo, e a maioría social quere un acordo de esquerdas. A resposta dos partidos, especialmente os autodenominados “partidos de goberno” PP e PSOE foi que votamos mal e temos que voltar ás urnas, a ver si desta vez o facemos mellor. Dado que o equilibrio entre os polos esquerda-dereita non parece que vaia mudar moito, o resultado vai ser o mesmo; con algúns matices e pequenas diferencias, pero o mesmo. Bloqueo institucional, acordo in extremis (Se somos tan inocentes para pensar que o PSOE vai a aceptar unha vicepresidencia nun goberno de Podemos cando non aceptou ao revés, pois vale) para non chegar ao ridículo dunhas terceiras eleccións e unha lexislatura curta agardando mellores ventos para voltar ás maiorias absolutas (ou cuasiabsolutas) que tanto lles gustan. Está na nosa man que iso non suceda, pero a mobilización da xente nestas eleccións vai ser moito máis complexa que nas anteriores.

Seica vai sendo hora de darlle ao botón de reset do noso vetusto sistema representativo. Dende a Ley D’Hondt ata o propio papel dos partidos políticos, pasando polas inexistentes canles de participación e control da cidadanía nas decisións políticas, todo no sistema que (aceptando polbo como animal de compañía) imos chamar ‘democrático’ cheira a naftalina.

Non se trata, pois, de cambiar ás persoas (que tamén), senón de gañar a maioría para poder cambiar o sistema. O dereito a decidir debe ser o principio básico de calquera sistema que queira chamarse democrático, pero o dereito a decidilo todo, non só a organización territorial do Estado. E para que a xente poida decidir, temos que cambiar moitas cousas, tanto no sistema como na nosa mentalidade como cidadanía,

Vivimos inmersos nunha revolución tecnolóxica sen precedentes na historia recente da Humanidade. Internet e a telefonía móbil mudaron as nosas vidas para sempre. Hoxe temos un espacio virtual de socialización, de diálogo e de intercambio de ideas que permite estar conectado con calquera en calquera parte do mundo (do mundo rico que ten acceso á Rede, obviamente). Hoxe podemos comprar, pagar impostos, xestionar a nosa conta bancaria, facer amigos, ter sexo, acceder á cultura e a educación, mesmo cursar unha licenciatura sen saír de casa. Por que non podemos participar na vida política e no goberno do mesmo xeito?

Cando se fai esta pregunta, sempre aparece o socorrido argumento da fenda dixital: hai sectores sociais, especialmente as persoais de máis idade ou de entornos rurais illados que non teñen acceso á Rede ou non saben facelo. É unha escusa moi endeble. A fenda dixital pode solucionarse con educación, formación e con dispositivos de votación asistida en puntos estratéxicos, ao estilo dos caixeiros automáticos.

Outra das escusas é aínda máis manida: a ingobernabilidade. Un sistema sen maiorías é ingobernable, din. Entón, por definición, o goberno non é democrático se require da construcción artificial de maiorías para que o sistema sexa ‘gobernable’.

Un sistema democrático baseado na participación cidadá, onde a soberanía sexa realmente popular e sexa a xente a que teña sempre a derradeira palabra, é un sistema que pon os pelos de punta aos partidos políticos e as estructuras de poder. Non falo de democracia directa pura e dura, pero sí dun sistema moito máis próximo a ela. Un sistema dixital, accesible dende calquera dispositivo e que fomente a discusión e sexa quen de crear o terreo propicio para que a intelixencia colectiva poida desenvolverse.

A terceira escusa, e a que máis esperta os meus instintos pirómanos, é a que di que a xente non participa, que á xente gústalle que lle dean as cousas feitas e que son moi poucos os que se interesan realmente na política. É evidente que a cultura de participación cidadá, cando parte de cero, vai tardar en medrar. Partimos dun elevadísimo nivel de desconfianza cara á clase política en xeral. Que a cidadanía sexa consciente do seu propio poder e o exerza con responsabilidade non é cousa que se poida construir nun día, xa que implica cambios profundos no eido da educación, por exemplo. Se queremos cidadanía responsable, temos que formala, pero para as forzas do conservadurismo de misa dominical e festas de gardar, a formación para á cidadanía é adoctrinamento político.

E a cuarta escusa é a peor de todas: o populismo. Deixar o goberno en máns da xente é caer na anarquía, ou aínda peor, preparar o terreo para o totalitarismo. Quen pensa iso simplemente non merece ter representación política.

A realidade é que os partidos non queren perder cotas de poder. Isto é válido para a dereita e para a esquerda. Predican a máxima do despotismo ilustrado: Todo para o pobo, pero sen o pobo. Dito menos finamente: “deixádenos a nós o goberno, que isto é moi complicado e vós non tendes nin idea”. Ou sexa, non é que nos tomen por parvos, é que realmente pensan que somos parvos. Incluso entre os partidos do eido nacionalista que predican as bondades do autogoberno: máis capacidade de decisión no noso país implica tamén máis poder para os partidos. Cambiamos o centro de decisión, pero non o xeito de tomar decisións . Bo exemplo disto é que estamos a asistir, no sen certa sensación alucinada, como os ‘novos partidos’ resístense a aceptar e ceder poder ás organizacións asamblearias como as Mareas, só porque non as poden controlar (e intentar, inténtanno, e as veces o consiguen).

As forzas da nova política fan uso intensivo da Rede como ferramenta de comunicación, aínda que dun xeito moi vertical: nós comunicamos e vós difundides, pero non somos tan proclives cando se trata da xeración de debates na Rede. Mellor en asembleas presenciais, en entornos limitados, con asistentes limitados e moderadores que poden ‘conducir’ os resultados da asemblea. E se hai un líder excelso que fala, moito mellor. Sí, fan votacións na Rede, pero só cando teñen claro cal vai ser o resultado da consulta, agás ás eleccións primarias que non tiveron máis remedio que adoptar e aínda así intentan manipular e controlar, non sempre con éxito.

O papel dos partidos nunha democracia dixital ten que ser máis de ‘laboratorio’ de ideas que de toma de decisións. Propostas, e non decisións. Pero as propostas están moi pouco valoradas no sistema político. Os programas electorais teñen o mesmo valor que o papel hixiénico. De feito, estaría moi ben que os imprimisen en papel suave, así terían algunha utilidade práctica. O que importa é a organización, a creación de estructuras, cómo e quen vai tomar decisións, pero o programa…psé. Total, somos todos de esquerdas e estamos de acordo no que hai que facer, non é?

Un sistema no que o pobo goberna ten aos políticos como xestores do día a día e administradores da vontade popular, non como axentes de toma de decisións sen contar con ninguén, en nome dunha maioría acadada fai 2, 3 ou mesmo máis de 4 anos, como no momento presente coa interinidade do goberno. Un sistema desta natureza fai prescindibles as figuras carismáticas e os líderes excelsos, ou os transforma en persoas que teñen que revalidar a confianza dos cidadáns de xeito constante. E é unha boa vacuna contra a corrupción (aínda que non efectiva ao 100%, pero moito mellor que o que temos agora).

Non se trata de gobernar con enquisas, nin de someter ata a última coma ou céntimo dos orzamentos á decisión popular. O Estado segue sendo un Estado de Dereito, ten obrigas e compromisos cos funcionarios, co mantemento dos servicios básicos e cos acordos internacionais. Pero as leis e as decisións orzamentarias de calado sí que precisarían de refrendo popular para ser aprobadas, mesmo con maiorías cualificadas no caso das leis orgánicas ou fundamentais. E a orientación política e os principios básicos da acción de goberno, dentro dos límites da legalidade, debe ser decisión colectiva e debe poderse correxir colectivamente.

Todo isto soa utópico, pero non o é. Suiza, sen ir máis lonxe, ten un sistema no que a vontade popular pode sempre impoñerse sobre a do goberno de turno. Un país, por certo, con catro linguas oficiais e unha estructura territorial confederal que é un dos máis estables e ricos do mundo. E non son precisamente bolcheviques nin están a piques da separación ou ‘balcanización’ como alertan as voces rancias do neoliberalismo. De feito, Suiza é un país que visitan moito, e non precisamente para facer turismo nos Alpes.

Unha cousa é clara: Temos a tecnoloxía, temos os medios, e as fórmulas e garantías poden ser acordadas e discutidas, pero a evolución cara á democracia dixital, unha democracia 2.0, é un movemento imparable. A propia cidadanía acabará demandando a súa posta en marcha, do mesmo xeito que a irrupción dos vehículos a motor obligou aos estados a construir carreteras e autopistas. Agora é ao revés; a autopista da comunicación xa está construida, só e cuestión de tempo que a xente reclame o seu uso tamén na política.