Xénero e diversidade

Juan C. Fernández Naveiro

A diversidade é un feito empírico pero tamén é un ideal que merece ser defendido. Hai que situar aí a cuestión dos dereitos da diversidade, e expoñer que a súa defensa é unha cuestión de recoñecemento, de igualdade e de xustiza, e non unha simple concesión vergoñenta para enmascarar a proliferación de diferenzas irreconciliables.

É difícil falar de temas de identidade sin ser identificado como unha perspectiva de parte. Eu querría ser anónimo e escribir como naide definido, un individuo tan solo, previo ó xénero, non me gustaría ser lído solo baixo a perspectiva do xénero. Pero non ignoro que o individuo é unha abstracción, que serei interpretado según o xénero e que ese dato xerará por sí mesmo adhesións e rechazos.

A identidade é un produto de diferenzas. O sexo, o xénero, a orientación sexual, as experiencias sexuais, os roles de xénero, as expectativas… poderiamos seguir enumerando aspectos da identidade (non solo sexual) que son diferentes e manteñen entre si toda clase de interaccións e conflitos. Contra a idea de que a identidade sexa algo monolítico e veña en bloques compactos basta con atender ás experiencias máis comúns en torno ao descubrimento da sexualidade, propia e allea, o que ten de exploración e tanteo. Ese non abarcar aínda os propios desexos que significa a adolescencia, carecer de recursos e ter que construílos.

Eu por exemplo tiña unha idea inxenua das vantaxes que debía ter ser unha nena, era como ter a tixola polo mango (valga a procacidade e perdón por se lle parece a alguén unha expresión incorrectamente machista), un poder de sedución que para si quixese un pobre rapaz. Elas non eran o sexo débil, pensaba, senón as verdadeiras donas de todo aquel asunto das relacións, unha prerrogativa que daba envexa.

Claro que ser muller tiña os seus riscos e ser home os seus privilexios, como fomos descobrindo. O xénero non era alleo ás presións da contorna, como tampouco os condicionantes biolóxicos e as decisións individuais, un proceso complexo de construción biopsicosocial da identidade enormemente variable. E todo á vez do espertar da sexualidade. Que a sexualidade non se axustaba a moldes estritos confirmámolo despois na teoría feminista e na máis elemental antropoloxía, onde aprendemos as maneiras tan diversas de articular todos aqueles planos e singularizar as interaccións e conflitos, como evidencian as estrambóticas parellas do programa First Dates ou os casos célebres de  deportistas trans como a vallista española María Patiño nos anos 80 ou máis recentemente a corredora sudafricana inter Caster Semenya, e tantas outras.

A dualidade sexo/xénero constitúe unha das achegas teóricas máis aceptadas e produtivas da antropoloxía do xénero e a sexualidade e da propia teoría feminista. É unha traslación da dualidade fundante de antropoloxía contemporánea entre o biolóxico e o cultural, que sirve para demarcar as cuestións cromosómicas, hormonais e de expresión fenotípica dos caracteres sexuais primarios e secundarios, respecto de todas as outras cuestións que atinxen á construcción social do xénero. Esa dualidade sirve para fuxir do determinismo biolóxico e destacar o carácter cultural do xénero, por tanto para identificar respecto deste os procesos que o moldean e a propia capacidade para intervir voluntariamente nesa construcción.

Claro que aquí nunca se pode pechar o debate dos límites entre sexo e xénero, como non se pode facer tampouco na cuestión bioloxía/cultura. Os humanos caracterizámonos polas formas diversas de expresar esa dualidade, por cómo recobrimos de aprendizaxe social os nosos condicionantes biolóxicos e cómo estes se expresan culturalmente, de xeito que os dous polos reenvíanse de continuo e non é posible separalos de todo.

Esquecer esto e enfatizar a demarcación estrita pode conducir a outro tipo de determinismo neste caso cultural, a un “xénerocentrismo” que poido ter utilidade á hora de construir unha subxectividade feminina alternativa, pero que corre o risco dunha afirmación hexemónica da feminidade que precisamente foi saltando polos aires co movemento LGTBI. O que designa a secuencia de iniciais, a Q e o + que aínda se lle engade é a limitación do binarismo de xénero e sobre todo a idea de autodeterminación de xénero. Esta idea da libre determinación do xénero é vista como unha amenaza por certo feminismo, que para manter a hexemonía do suxeito feminino agárrase do novo o binarismo sexual como un tribunal inapelable. A asignación de sexo sería a paradóxica estación final da deconstrucción feminista do xénero, que acabaría por conducir o mesmo lugar que o dominio heterosexual masculino e o milenario dominio heteropatriarcal (no fondo, unha asunción relixiosa do feminismo).

O binarismo tamén é limitado no plano do sexo, pois deixa fóra todo o espectro do intersexualismo. O sexo, como dí a antropóloga Anne Fausto-Sterling, “é un asunto demasiado complexo. Non hai branco ou negro senón grados de diferenza”, e “solo a nosa concepción do xénero, e non a ciencia, poden definir o noso sexo”. Polo pronto o binarismo non recolle os intersexos dos herms, merms e ferms, que con diferentes mesturas de elementos femininos e masculinos, poden ascender a un 4% dos nacementos (Anne Fausto-Sterling, “Cuerpos sexuados. La política de género y la construcción de la sexualidad”, Melusina 2006).

Outras estimacións rebaixan a cifra pero pese a escaseza de estudos cuantitativos dan para o total da poboación española unha cifra entre 20.000 e 70.000 individuos; en todo caso a cuestión xa non é tanto numérica senón de conceptos fluidos. Non solo o xénero senón tamén o sexo contén diversidade. E sempre que reducimos a diversidade establecemos un límite que deixa fóra a algúen, creamos exclusión. Ademáis, a diversidade debe ser un dereito pleno, e eso implica recoñecemento e non imposición.

Distintos países teñen regulada a opción intersexual. En Alemaña, onde cada ano se practican 1.900 cirurxías para asignación de xénero a menores intersexuais, desde 2019 se pode adoptar o xénero “Divers”. Pakistán foi pioneiro e dispón desde 2009 da regulación máis avanzada que permite declarar o xénero sen un exame médico previo, e outros como Nova Zelanda, Australia, India, Bangladesh, Nepal, Malta e Canadá están nesa discusión con leis aprobadas. Nos Países Baixos acaba de aprobarse a supresión da asignación de sexo no documento de identidade, e en España está pendente unha lei trans para adoptar o dictame médico internacional de despatoloxizar a transexualidade e garantir a autodeterminación de xénero, que xa recollen distintas leis aprobadas en nove comunidades autónomas (Andalucía foi pioneira en 2014), entre as que non se atopa Galicia.

O dilema da diversidade

Cando denunciou a normatividad do suxeito masculino como unha trampa para identificar as mulleres como “o outro” que había que neutralizar, e o feminismo madurou como normatividade alternativa incontestable, Simone de Beauvoir non se podía imaxinar que a diversidade chegaría a ser considerada unha trampa neoliberal para impedir a afirmación do suxeito feminino. A diversidade converteuse nun obxecto en disputa que aflora a cada pouco no movemento feminista, entre o 8-M e as celebracións do orgullo gai, este ano adicado ás mulleres trans e que dividiu os argumentarios de PSOE e Podemos, entre acusacións cruzadas de transfobia (denostada como TERF) e perxuizos á causa feminista por atomizar o concepto “muller”; todo iso coas correspondentes escisións de intereses e alianzas entre LGTB e LGTBIQ+.

Non é estraño que o movemento de defensa dos dereitos dos homosexuais tivese que ir engadindo letras, porque esa é a realidade diversa dos colectivos non representados polo binarismo. Establecer o xénero é máis complicado do que se cre. Ademáis é un territorio concedido en exceso ó control e o poder. Unha parte do movemento feminista se revolve contra os intentos de hexemonía de xénero, mentres do outro lado se asiste a unha involución no discurso sobre a diversidade. A clave de bóveda é a actitude adoptada ante o movemento queer, que os críticos da diversidade consideran como algo regresivo, propio do capitalismo de consumo. Que a diversidade é obxecto de manipulación interesada por parte da cultura neoliberal?, pois sí, outrotanto como pasa coa ecoloxía ou o propio feminismo, convertidos en parte dun novo mainstream cultural domesticado.

Todas as minorías están suxeitas a relacións de poder e disputas pola hexemonía do discurso. O feminismo hexemónico, crítico da diversidade e reacio ás pretensións da subxectividade trans, desactiva a potencia crítica do movemento queer, ó esquecerese de que este xurde en plena pandemia do SIDA para rexeitar a estigmatización homófoba dos corpos, e ten que ver coas culturas, as migracións e o consumo, ademáis de co sexo e o xénero. A partir das reinvindicacións  de mulleres trans e minorías étnicas con diversidade sexual, o queer produce un discurso radical que vincula a crítica do heterocentrismo con antirracismo e anticapitalismo. É isto “reaganismo para progres”?

A diversidade non é unha trampa neoliberal senón o que quedou de teoría crítica despois da desaparición da clase obreira e a conciencia de clase, alén do imaxinario da Revolución e o Progreso. Pero unha parte da esquerda nunca deixará de lamentar a perda dun suxeito revolucionario ben adoutrinado e compacto, e todo o que veu despois será visto como unha trampa posmoderna.

Hai que romper unha lanza en favor dos dereitos da diversidade, porque se trata de ampliar a esfera do recoñecemento. O dilema da diversidade está entre normalizar o diferente ou aprender del para transformar a propia identidade. Dun lado está a necesidade de normalizar, converter en normal, seguir o estereotipo como quen se enfunda unha luva e asentir á reprodución clónica de suxeitos normativos. É iso precisamente o que serve de caldo de cultivo para o narcisismo das pequenas diferenzas e as disputas pola hexemonía.

Do outro lado están a desviación creativa e a riqueza do diverso, algo que involucra o sexo e o xénero pero tamén a raza, a nacionalidade, a clase social ou as propias circunstancias funcionais. Hai todo tipo de minorías atravesadas por relacións desiguais de poder. E igual que os negros loitaron contra a xeneralización racial no proceso de emancipación, a loita das mulleres tivo lugar nun terreo transversal e multicultural no que leva décadas emerxendo unha micropolítica da diversidade que non xurdiu para facerlle o xogo ó patriarcado.

O diverso sirve sobre todo para interpelar, e así facer posible aprender dos outros e crear espazos comúns. Non é solo intercambiar pareceres, identidades, senón poñerse no lugar dos outros, comprender as razóns dos outros, e ser capaz de problematizar as propias razóns. Solo así se pode construir unha razón común, todo o revisable e precaria que se queira.

A diversidade é un dato empírico que podemos fácilmente constatar pero non é só iso: é un territorio por defender. Forma parte dun proxecto de vida cuxo horizonte é a emancipación. Por eso é o auténtico transcendental da experiencia humana e a condición de partida sen a que non hai identidade posible.