Era Amadou Mahtar M´Bow Director Xeral, en 1.986, no remate do seu mandato, cando Paulo Reglus Neves Freire, Paulo Freire, recibiu o Premio de Educación para a Paz da UNESCO, especialmente polos seus traballos de alfabetización, daquela xa moi recoñecidos e apreciados en todo o mundo.
Cando estamos a piques de conmemorar o Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, como cada 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, non está mal lembrar que a organización da intelectualidade da ONU, como acostuma a dicir o profesor Mayor Zaragoza outorgou este galardón ao educador do que vimos de celebrar o seu centenario. Con ese motivo tiveron lugar por todo o mundo numerosos Congresos, publicáronse memorias e libros recopilatorios onde amigos e discípulos honraron ao seu mestre por autonomasia. Por exemplo, o seu mellor e máis autorizado biógrafo, Moacir Gadotti, director ad honorem do Instituto Paulo Freire, a quen coñecín nas reunións do Foro Mundial de Educación, falaba nun libro colectivo titulado “Reinventando a Paulo Freire no século XXI” de que “resulta inútil formar depredadores”, educar mellor ás persoas para que pretendan ser mellores que os demais, obxectivo principal da educación bancaria ou neoliberal, como a cualificaba.
O pensamento de Freire foi -e segue a ser- un pensamento e unha práctica pedagóxica esencialmente rebelde e insurxente, desafecta. Por iso, probablemente, segue a ser aínda hoxe moi silenciado en ámbitos académicos e pedagóxicos oficiais. Certo que non poden ignorar o significado e a transcendencia de Paulo Freire, faltaría máis!. Quen pode non recoñecer ao autor da “Pedagoxía do oprimido” ou da “Pedagoxía da autonomía”, primeira e última das grandes obras do educador brasileiro, pasando pola “Educación como práctica de liberdade” ou a “Pedagoxía da esperanza”, obras todas elas emblemáticas da recoñecida pedagoxía crítica. Desde a súa Tese na Universidade de Recife, “A educación e a realidade brasileira” de 1.959, ate a súa morte en 1.997, con 75 anos, máis de 25 libros, a súa vida e a súa obra, educativa, pedagóxica e mesmo institucional, como Secretario de Educación do Concello de Sao Paulo, dous anos intensos e moi duros, entre 1.989 e 1.991, defendeu sempre unha escola pública popular e de calidade: “ … a calidade non debe medirse só polos patróns de coñecemento sistematizado senón polos lazos de solidariedade que tecemos”.
O propio Paulo Freire gustaba definirse como “peregrino do obvio” e como un “home conectivo”, unha vida en conexión cos demais. A súa proposta educativa, como a dos grandes pedagogos, foi e segue a ser unha proposta utópica. Del aprendín que non podemos ser educadores se non somos optimistas. Ser mestre como ser pai ou avó obrigan ao optimismo.
Sen embargo, visto o ano do centenario, xa con certa perspectiva, parecera que Paulo Freire segue a ser incómodo, particularmente en certos medios do chamado “universo académico universitario” ou alúmenos eu así o vexo, probablemente estea errado. Aínda que a súa obra, particularmente no campo da alfabetización de adultos, ou na defensa dos oprimidos, é asumida, non o é tanto, trátase dunha apreciación, como a súa presenza científica na Academia, alúmenos polos actos promovidos oficialmente.
Paulo Freire tivo unha experiencia moi longa, 76 anos intensos, onde pasou privacións, estudou con dificultades a secundaria, accedeu á Universidade e graduouse en Dereito, moi pronto abandonou a avogacía e podemos dicir que foi a súa compañeira Elza Maia Costa Oliveira quen o foi orientando cada vez máis cara ao mundo da educación e da pedagoxía. Foi na alfabetización dos adultos onde Freire aplicou metodoloxías e procedementos e ferramentas inéditas ate o punto de que o Goberno Federal da República e o Ministerio de Educación convidárono a replicar aquela experiencia nos chamados Círculos de Cultura en todo o Brasil, encargo que non foi posible materializar polo golpe militar de 1.964. Foi detido e logo de dous meses exiliouse en Bolivia, Chile, Estados Unidos e Xenebra por un total de 15 anos.
A Cátedra do Oprimido, da Universidade Paulo Freire, Unifreire, como o seu Instituto, en Brasil e noutros lugares do mundo, investigan no campo que denominan “Estudos Oprimidos” quizais sexa por todo iso polo que a Academia non o recoñece como merece.
Conta Moacir Gadotti que Paulo Freire, nos últimos anos da súa vida, dicía que gustaba de asistir a conferencias só como oínte pois, como el mesmo afirmaba, “coa idade e a experiencia, o campo da nosa ignorancia se expande”…
Rematado o ano do centenario do seu nacemento D. Paulo Freire segue moi vivo.