A esperanza Boric e a soidade uruguaia

Xoán Hermida

Durante bastantes anos Uruguai foi unha anomalía política nun continente azoutado pola polarización sectaria. Durante moito tempo a Fronte Ampla (uruguaia) foi unha excepción democrática nun contexto onde movementos populistas de esquerda e de dereita estaban preocupados por todo menos por mellorar os dereitos e liberdades dos seus pobos.

Por mor das eleccións que no 2019 deron a vitoria ao centro-dereita, encabezado por Lacalle Pou, a xornalista Sylvia Colombo, boa coñecedora da realidade latinoamericana, escribía a súa columna do New York Times co suxestivo título: ‘Non perdamos este Uruguai’.

Na devandita peza a xornalista brasileira afirmaba:

“Pouco antes de que gañase Luís Lacalle Pou nunha competida segunda volta, bandeiras de distintas cores e afiliacións ondeaban na rambla en Montevideo. No medio, cunha bandeira branca, un mozo gritaba: ‘Non perdamos este país’. Esa imaxe de optimismo, no que políticos e cidadáns fixeron un pacto de conciliación e avances progresistas sen importar o bando, énchenos de entusiasmo ao resto de América Latina.” […]

“Uruguai estivera gobernado durante case quince anos por unha centroesquerda moderada, responsable nas súas medidas económicas e que nunca se aliñou aos proxectos esquerdistas máis radicais de América Latina -como os de Venezuela, Cuba e Nicaragua-. En marzo, o país será dirixido por unha centrodereita que non necesita facer grandes reformas nin ten arrebatos autoritarios -como en Brasil ou Guatemala-.” […]

“Os líderes da Fronte Ampla xa falaran da importancia da alternancia na democracia. E, durante a campaña, Lacalle Pou prometeu non dar marcha atrás nos avances dos dereitos civís ‘a lei do aborto legal, a regulación da marihuana, matrimonio igualitario’ que se lograron coa alianza dos seus opositores e o domingo da votación, cando se deu a coñecer que o escrutinio final de votos tería que demorar uns días porque a diferenza era minúscula, imperou a orde: ninguén disputou o resultado.”

Para concluír, ante un clima de avance de polarización entre populismos na rexión, que:

“o novo presidente debe ser tan uruguaio como sexa posible: manter á súa alianza unida, resolver as demandas sociais en diálogo cos seus opositores e manter baixo control aos primeiros visos de extrema dereita. En xogo non só está o seu goberno; está o Uruguai que nin os uruguaios nin os latinoamericanos queremos perder, o noso modelo de como vivir sen polarización.”

Efectivamente durante moito tempo Uruguai estivo soa nos seus niveis democráticos. A ditadura militar (1973-1984) fracasou no intento de acabar coa cultura democrática do país. Coma se a ditadura militar fose un mal soño en pouco tempo o armazón xurídico da nova democracia estaba xa instalado, cuns niveis de consenso inimaxinables noutros países da rexión; e o seu estado de benestar, similar nos seus estándares de solidariedade social ao europeo, estaba a uns niveis moi superiores aos previos á ditadura.  Só así se explica que a saída da ditadura fóra tan rápida e mesmo esperpéntica (a xunta militar retirouse despois de perder un referendo constitucional convocado para revalidarse). A día de hoxe sitúase no posto 15 dentro do Índice de democracia que publica ‘The Economist’, formando parte do selectivo club das democracias plenas.

A Fronte Ampla (uruguaia) ven de cumprir 50 anos. Estamos, parece evidente, diante dun proxecto estratéxico e nada adanista. A súa lonxevidade, a pesar da súa pluralidade e as súas contradicións, e os seus éxitos (accedendo varias lexislaturas ao goberno do país) susténtase nos seguintes alicerces:

  1. Proxecto construído desde a base cidadá (Congreso do Pobo), desde a unidade sindical e social, e, en última instancia, desde a unidade política. Onde a participación cidadá compróbase nun modelo baseado en grupos de base comúns e na participación democrática directa como o demostra a pluralidade de diferentes candidatos que a Fronte Ampla ten tido á presidencia do país e/ou a outros representantes públicos.
  2. Proxecto amplo de carácter transversal, unido máis polo carácter de renovación democrática fronte ao turnismo histórico entre Nacionais (Blancos) e Colorados. Poderiámonos imaxinar aquí un espazo político onde non só estivese a esquerda e o centro esquerda senón mesmo sectores liberais ou demócrata cristiáns, escindidos das elites tradicionais? Obviamente non; porque aquí o PSOE forma parte dese turnismo necesario desprazar. Pero en todo caso indica a amplitude de ideas do frontismo uruguaio.
  3. A importancia dun programa realizable e pensado para a maioría social do país, en lugar dos maximalismos á que habitualmente unha parte da esquerda esencialista tennos afeito.
  4. A cultura democrática das persoas diferentes e colectivos diversos que o compoñen. Só así se explica a convivencia de personalidades tan fortes e diferentes como no seu momento Líber Seregni ou Rodney Arismendi, ou máis recentemente Tabaré Vázquez ou José Mujica.

Chile, un país convulsionado politicamente a diferenza de Uruguai, está a abordar un proceso de culminación de transito democrático. A saída da ditadura foi máis traumática, as elites do anterior réxime condicionaron os primeiros pasos da democracia chilena, e a ortodoxia neoliberal non era unha opción posible senón parte da doutrina constitucional.

As mobilizacións democráticas vividas nos últimos anos levantaron a unha nova xeración de políticos que non viviron a ditadura e non se senten obrigados cos compromisos adquiridos pola xeración anterior.

Gabriel Boric, claro gañador das pasadas presidenciais e electo presidente, é membro da Fronte Ampla (chilena).

Non se trata do típico político esquerdista populista latinoamericano, representa a unha nova esquerda preocupada polos novos retos do planeta e os retos pendentes do seu país. Nun recente twitter, tras conversar co presidente norteamericano Joe Biden, resumiu a súa axenda política en “comercio xusto, crise climática e fortalecemento da democracia”.

Chile non é Uruguai, pero os acordos do ‘15 de novembro’ (2019) entre o goberno e unha boa parte da oposición (da que participo Boric) para un proceso constituínte son unha proba da capacidade da democracia chilena para transitar en base a consensos amplos. A normalidade dos perdedores para aceptar a vitoria de Boric e a colaboración expresada polo actual presidente, Sebastián Piñera, para favorecer e colaborar no traspaso de poderes, é unha esperanza de que Chile pode acompañar a Uruguai nun novo grupo de países con altos estándares de democracia.

Boric aposto no seu momento por fundar un partido situado no espazo da nova esquerda, afastada á esquerda corporativa;  aposto por asinar co goberno os ‘acordos do 15N’ – arriscándose e, mesmo, a ser tachado, como ocorreu, por algúns sectores da esquerda como traidor -; e gañou unhas primarias no interior da súa coalición defendendo unha política aberta a toda a sociedade co aval dun liderado forxado nas mobilizacións pero tamén co de apostar por unha vía de dialogo nacional para avanzar.

Tres días despois da súa elección se reuniu cunha representación da Asemblea Constituínte deixando a mensaxe clara de que non quería que dos seus traballos saíse unha constitución de parte senón para todo o país.

Con esas credenciais Boric é unha esperanza para a esquerda latinoamericana desgastada polo populismo, a corrupción e as tendencias totalitarias. E Chile é unha esperanza democrática para que Uruguai deixe de estar soa.