Partidos políticos: obsolescencia sen programar ou unidade cidadá?

Xoán Hermida

Estamos diante dun fin de réxime polo que asistiremos ao eclipse das súas institucións, interfaces e elites; ás hexemónicas e, tamén, ás que exercitaron de oposición.

Equivocaranse os partidos, unha vez máis, se pensan que van poder canalizar a marea de cambio que se instalou na sociedade española desde maio de 2011.

Os partidos políticos, tal como os coñecemos, desapareceran. O modelo de partido de masas e electoral construído durante a segunda metade do século XX, entrou  en fase terminal e van necesitar unha reformulación que afecta á propia sustantivización.

Non se trata de un problema exclusivamente metodolóxico. Calquera proxecto político, incluído as Mareas ou as candidaturas de Unidade Popular, van ter que asentarse sobre estruturas organizativas necesarias para a súa continuidade, pero esa estrutura deberan facela desde un modelo máis aberto que co que actuaban os vellos partidos existentes pero van ter que facela de igual xeito.

Todos os partidos van verse obrigados, por vontade propia ou por pura supervivencia, a facer un percorrido de apertura social que ata hai ben pouco se negaban a facer: primarias, limitacións de mandatos, revogacións de cargos, listas abertas,… pero iso, con ser algo irreversible,  non é o problema medular dos partidos.

O debate da construción dos novos interfaces no campo da esquerda móvese sobre dúas coordenadas: a paradigmática e a de participación. Na coordenada da orientación paradigmática entre os vellos paradigmas (ideoloxicistas) e os novos paradigmas (políticos). Na coordenada da orientación participativa entre as estruturas de decisión xerarquizada (da modernidade) e estruturas de decisión participada (da posmodernidade).

De cómo se resolvan as contradicións entre ambas teremos catro sectores -Sector A [Ideoloxica/Xerarquizada]; Sector B [Ideoloxica/Participada]; Sector C  [Política/Xerarquizada]; Sector D [Política/Participada]-; teremos unha solución acertada para resolver a encrucillada ou desandaremos o andado.

Obviamente non se trata de espazos estanco senón permeables, e como tal poden ser combinativos, pero uns impediran claramente avanzar (A/B), outro déixao facer con dificultades (C) e so unha formula podería dar solución (D) ao labirinto.

 

ScreenHunter_361 Mar. 17 01.06

 

Na coordenada de orientación paradigmática, apuntando unha nova formulación sustentada na unidade democrático (nos de abaixo)  e non no ideolóxico (fora este o nacionalismo ou a esquerda).

Na coordenada da orientación participativa, apostando por unha estrutura de decisión participada (propia da posmodernidade) en lugar dunha estrutura xerarquizada (propia da modernidade).

Trátase pois, como soe ocorrer en procesos de tránsito paradigmático, non so, nin principalmente, de un problema metodolóxico, senón sobre todo de un problema ontolóxico (transversalidade) e epistemolóxico (misión)..

Nos ‘felices’ anos 70/80 o novo capitalismo financeiro elaborou unha estratexia para o asimilación da clase obreira en base a un formato de capitalismo popular coparticipado en accións. Ese espellismo desmoronouse no proceso de globalización que ten ensanchado a clase obreira en base a proletarización de sectores da pequenos autopatróns, de desregularización de emprego e de perda de conquistas sociais da gran maioría. Este proceso creou, entre outras cousas, un novo suxeito político para o cambio que por primeira vez o altermundismo definiu como cidadanía global.

È aquí onde os antigos partidos corporativos da esquerda perderon o seu sentido e precísase crear novas articulacións de maior transversalidade que aborden, con tódalas contradicións existentes, os intereses dunha maioría social agredida por unha minoría monopolista e oligárquica.

Trátase de que os partidos preexistentes desaparezan? Non necesariamente. Seguramente asistamos a unha recomposición dos seus espazos e unha transformación dos que sobrevivan aos cambios, pero en todo caso para isto deben abordar as seguintes transitoriedades:

 

  1. Tránsito de partido-ideolóxico ao partido-cultural

A agrupación de persoas activistas non pode seguir construíndose arredor da aceptación dunha ideoloxía única e “autentica” senón sobre un programa político estratéxico. O partido entendido como espazo cultural de ideas, principios e valores, concibindo a intervención política como compromiso ético e non como dogma pechado.

 

2. Tránsito do partido-electoral ao partido-movemento

A medida que o formato parlamentario foise asentando, os partidos foron transitando de partidos vangarda para a toma do poder (insurreccional) a partidos de masas centrado na contenda electoral. O proceso de ampliación de base electoral ía directamente proporcional ao abandono de principios programáticos en busca de ensanchamento do nicho de electores, nunha deriva tacticista, deixando aparcada  a súa orientación estratéxica. A construción de espazos electorais compartidos permiten abordar outros aspectos da contenda política necesarios para atender as demandas da base social maioritaria sen renunciar as obxectivos perseguidos.

 

3. Tránsito de partido-competitivo ao partido-coworking

O partido como instrumento de competencia debe dar paso a un partido de cooperación que entenda en clave de coworking a relación con outras organización e/ou colectivos políticos (non necesariamente partidos) que se moven no mesmo  espazo político-programático. Cedendo a soberanía da actuación táctica (incluída a electoral) aos espazos de unidade.

 

4. Tránsito do partido-monolítico ao partido-coral

Non é posible construír partidos monolíticos con unha sociedade plural, multicultural e de persoas con diferentes prioridades materiais ou psíquico-afectivas. Os novos partidos deben ser partidos de construción coral e amables, o suficientemente flexibles para articular diferentes niveis de compromiso e relación.

 

5. Tránsito do partido-familia ao partido-comuna

O partido clásico se ten convertido nunha estrutura familiar, coa súa xerarquía patriarcal, co seu paternalismo cara aos membros máis novos, e mesmo coas súas lealdades ‘inconfesables’. O novo partido debe ser un partido concibido máis como un lugar de participación comunitaria.