O artigo que reproducimos a seguir foi orixinalmente publicado en abril de 2010, no sitio web da Fundación 10 de marzo (http://www.f10m.org/nova/138). As persoas que o lean saberán sen dúbida pór ao día algunhas das informacións anticuadas que se ofrecen, pero confiamos en que tamén percibirar canto conserva de actualidade a análise que se desenvolve da política lingüística aplicada contra o galego nos dous mandatos de goberno do Partido Popular en Galicia e da inspiración ideolóxica radicalmente neoliberal desta. Lamentablemente, a evolución da situación do galego nos últimos anos, radiografiada no informe do Instituto Galego de Estatística publicado en 2014, dá a razón aos temores expresados no texto sobre o efecto fondamente erosionador daquela política lingüística aplicada contra o galego, da que o Decreto chamado do Plurilingüismo no sistema educativo é unha peza emblemática.
Finalmente, a Xunta de Galicia deu forma ao anunciado proxecto do novo decreto “do plurilingüismo”. Este proxecto chega despois dun longo e tenso debate social e dunha serie de sucesivas mobilizacións cívicas que atinxiron unha extensión e intensidade sen precedentes, e logo da presentación ao público dunhas ‘Bases’ que mereceron un amplo rexeitamento das institucións consultadas pola Xunta (Real Academia Galega e Consello da Cultura Galega), e de practicamente todos os sectores atinxidos. As presentes liñas están escritas con posterioridade ao acordo do Consello Escolar de Galicia, mediante o cal este manifestou a rotunda oposición da meirande comunidade educativa ao dito proxecto, e antes do pronunciamento do Consello Consultivo de Galicia, que é de agardar que acabará sinalando os aspectos do mesmo manifestamente discordantes coa legalidade.
O que vén é un texto redactado, pois, coa esperanza de que finalmente ese proxecto sexa retirado polo goberno galego, e o Partido Popular se aveña a constituír, tal como propuxo o Consello da Cultura Galega e asumiron os partidos da oposición, unha comisión no Parlamento de Galicia para a discusión dun novo proxecto elaborado por acordo dos tres grupos parlamentarios, unha comisión que tamén debería oír distintos axentes sociais (especialmente da comunidade educativa) e expertos e abordar un programa de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente polo mesmo Parlamento en 2004, e ratificado tamén unanimemente en 2008. O que segue non é un estudo sobre o decreto en si mesmo, senón unha reflexión sobre o contexto político-lingüístico en que este aparece.
- O contexto sociolingüístico
Ao mesmo tempo, o presente escrito foi rematado aos poucos días da difusión nos medios de comunicación dos resultados da enquisa do Instituto Galego de Estatística, en que se recollen datos sobre coñecemento e uso do idioma galego correspondentes a 2008, comparables cos que o mesmo IGE recolleu en 2003. Sen entrar nunha análise demorada deses datos e pasando por riba dos moitos matices que ofrecen (pois isto non cabería na presente reflexión), cómpre chamar a atención sobre tres aspectos relevantes:
1) O descenso do uso habitual do galego, que pasa de ser a lingua habitual do 61 % da poboación (2003) ao 56 % (2008), o que implica unha perda porcentual de aproximadamente un punto por ano. Sen entrar en cálculos estatísticos requintados, esta tendencia colócanos nun horizonte de pouco máis de seis décadas de vida real para o idioma do país. Xa que logo, queda pouco tempo para reverter unha deriva que nos leva directamente á desaparición do galego a finais do século XXI.
2) A caída do galego como lingua inicial (isto é, aquela en que se aprendeu a falar) noutros cinco puntos porcentuais no conxunto da poboación residente en Galicia (do 52% ao 47%; no grupo de poboación máis nova, de 5 a 14 anos, a perda é aínda máis brusca, pois pasamos do 32% ao 25%). Esta caída, de primeiras, revalida o sombrío prognóstico que debuxa o dato recollido no parágrafo anterior. Porén, neste caso o dato negativo vén dalgún xeito compensado por un notable incremento dos bilingües iniciais, isto é, das persoas que declaran ter aprendido a falar simultaneamente nas dúas linguas, desde o 16% (2003) ao 23% (2008) da poboación xeral, un incremento que é especialmente significativo entre os máis novos (na faixa entre 5 e 14 anos de idade, pásase do 20% de 2003 ao 34% de 2008).
3) O notable incremento da presenza do galego no sistema educativo, que pasa de menos do 39% en 2003 ao 61% en 2008, o cal dá un bo índice do progreso que experimentou o uso do idioma nos centros durante s anos pasados, e concretamente, do positivo impacto da política lingüística no ensino impulsada polo goberno de coalición PSdG/BNG, pois ao noso entender o fenómeno de incremento do bilingüismo inicial que sinalamos no parágrafo anterior é inseparable desta progresiva galeguización do ensino.
En grandes liñas, o que nos indican os datos que acabamos de resumir é que o idioma galego precisa máis ca nunca de políticas de protección e que estas se revelan eficaces no medio prazo, xusto o contrario do que vén propugnando o Partido Popular e facendo a Xunta desde que este partido gañou as eleccións. O que non ten sentido é facer unha lectura en clave inmediatista, tal como algún portavoz do PP realizou en días pasados. A evolución da situación sociolingüística dun idioma ten que observarse a medio e longo termo, e só neses termos se poden avaliar os efectos das políticas dos gobernos, que terán efectos na medida en que manteñan unha mínima continuidade e coherencia ao longo dun período prolongado (ademais de acerto, claro está). Estas observacións sobre a situación sociolingüística xeral serven de pórtico acaído ás liñas que veñen a seguir, nas que imos esbozar unha rápida análise do contexto xeral da política lingüística en Galicia en que aparece este decreto.
- O problema lingüístico de Galicia: do diagnóstico ás políticas
Na miña opinión, na raíz do debate lingüístico está o seguinte feito: a lexislación e tradición de política lingüística en Galicia, desde o Estatuto aos nosos tempos, está fundada nunha determinada visión da realidade, ou máis concretamente, nunha determinada formulación do problema lingüístico do país; a partir desa diagnose prescribíase unha determinada solución. Tal diagnóstico consiste en constatar o maltrato histórico que o galego sufriu por parte do Estado español, e sinalar como ese maltrato o abocou a un proceso de substitución que o sitúa no camiño dunha lenta pero inexorable extinción. A solución prevista para ese problema consistiu no seu pleno recoñecemento como lingua propia de Galicia e oficial das súas institucións, e na imposición aos poderes públicos dun ‘mandato de normalización’, que os obriga a soster políticas para a súa defensa e promoción. En liñas xerais, tanto o devandito diagnóstico coma a correspondente solución eran amplamente compartidos pola maioría da sociedade e polos grupos políticos que a representan, aínda que é certo que existiron e aínda persisten grandes diferenzas nos detalles e importantes desacordos puntuais.
O devandito prognóstico está expresado con concisa claridade no preámbulo á Lei de Normalización Lingüística aprobada no Parlamento de Galicia en 1983, co voto favorable de Alianza Popular (no goberno naquel momento), a Unión do Centro Democrático, o Partido dos Socialistas de Galicia / PSOE, Esquerda Galega e Partido Comunista de Galicia, isto é, de todo o arco parlamentario presente. Paga a pena citar ese preámbulo:
“O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anular a posibilidade de constituír institucións propias e impedir o desenvolvemento da nosa cultura xenuína […] Sometido a esa despersonalización política e a esa marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna […] que foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evitar a desintegración da nosa personalidade. A Constitución de 1978, ao recoñecer os nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo construtivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora.Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por ser o núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. […] A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía, garante a igualdade do galego e o castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.”
Con moitos defectos, numerosos puntos discutibles e bastantes reparos, algúns moi serios, que se poden apoñer ás medidas adoptadas e a actuacións concretas que se emprenderon, aquela filosofía inspirou todos a política lingüística dos gobernos da Xunta de distinto signo, de Alianza Popular / Partido Popular ata as coalicións nucleadas arredor do PSdG/PSOE, e nomeadamente ao Manuel Fraga que en 2003 puxo en marcha o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que aprobou o Parlamento de Galicia no ano seguinte. Neste sentido, coidamos que a etapa que vai de 1983 a 2007, coas súas indubidables sombras, debe ser valorada globalmente en positivo, pois en vinte anos a conciencia lingüística do país se fortaleceu en grao considerable, mentres se ía debuxando un proxecto de convivencia amplamente compartido, que se marcaba como obxectivo de futuro a plena recuperación do galego nun marco de bilingüismo equitativo.
Así e todo, para non caermos nunha enganosa idealización do pasado, temos que sinalar algúns dos aspectos máis criticables dese pasado. Por caso, a Xunta de Galicia demorou moito en pór en marcha accións de promoción do galego verdadeiramente eficaces, en parte porque faltaba unha tradición de políticas de normalización, e por tanto existía unha grande falla de coñecemento experto sobre o asunto (unha lagoa que tamén tardou moito en cubrirse, e a duras penas), pero nunha maior parte por causa do morno compromiso co idioma de amplos sectores do PP e do PSOE co galego. Por outra banda, o sector maioritario do nacionalismo tardou en incorporarse a ese consenso, e fíxoo con notables reparos de fondo, e despois de sementar polo camiño unha notable confusión (lembremos por exemplo as estériles discusións sobre a normativa lingüística). En todo caso, os procesos de normalización lingüística deben entenderse como procesos de aprendizaxe social, con todas as enormes complexidades que isto comporta, de maneira que non é tan importante que existise un consenso de partida como que se chegase a forxar un consenso de chegada. Ese consenso de chegada está expresado no acordo normativo de 2003 e, sobre todo, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
Porén, dun tempo a esta parte, as direccións do Partido Popular de España primeiro, e de Galicia despois, distanciáronse radicalmente desa diagnose, formulando o problema dun xeito non distinto, senón totalmente contraditorio con ela. O Partido Popular de España levaba xa desde os tempos de Aznar promovendo un discurso agresivamente nacionalista e recalcitrantemente centralista; pero esa onda demorou en impoñerse en Galicia: foi un renovado PPdeG, adoecido pola perda dun poder que consideraba natural e exclusivamente seu, fuxindo da sombra de Fraga e renegando de calquera atisbo da súa previa tradición rexionalista/ galeguista, o que puxo fin bruscamente, en 2007, a aquela etapa de consenso sobre a lingua. E velaí a nova formulación do ‘problema’, deseñada nos laboratorios FAES e publicitada primeiro polos medios de dereitas madrileños e despois polos galegos: o que había que resolver non era a discriminación do galego; pola contra, o problema era a ‘imposición’ do galego. Ante este diagnóstico, o remedio non podía ser outro que a deslexitimación social do idioma do país, paso previo para xustificar a súa desoficialización, e, finalmente, impulsar a súa desprotección. Esta estratexia de política lingüística conducía inexorablemente a rachar consensos laboriosamente fraguados e a crear un clima de confrontación civil, pero isto non preocupou aos estrategas do PP, se o Partido obtiña os ansiados réditos políticos e electorais que se prevían.
En efecto, a deslexitimación social das políticas de normalización do galego comezou co Partido Popular na oposición, desde a cal soubo manexar habilmente as resistencias de determinados sectores sociais ás medidas impulsadas polo goberno progresista/ nacionalista (por certo, coa involuntaria complicidade dese goberno, que actuou con inexplicable torpeza neste terreo). Ao noso parecer, esas resistencias teñen bases reais, sobre as que axiña volveremos a ollada, pero foron convenientemente magnificadas e manipuladas ao servizo dos intereses do PP, coa complicidade duns grupos tradicionais de poder afeitos a mediatizar as decisións políticas máis importantes e molestos coa relativa autonomía do goberno de coalición socialista-nacionalista.
- As resistencias á normalización do galego e a oposición á política do goberno PSdG-BNG
As dificultades reais teñen que ver cunha serie de problemas, que van desde a persistencia de arraigados prexuízos contra o galego en amplas capas sociais (asociación deste idioma co atraso social ou co radicalismo político, temor aos perigos do bilingüismo, desconfianza sobre a idoneidade do galego para determinadas materias, alimentada polas polémicas normativas, etc.), ata as dúbidas de moitos membros da comunidade educativa sobre a conveniencia pedagóxica de ensinar en galego nos contextos castelanfalantes, pasando por aspectos tales como o grande esforzo que para o profesorado e o estudantado dalgúns centros, sobre todo urbanos, supuña aplicar o decreto de 2007, coa súa esixencia do 50% da docencia en galego, que ademais debía abranguer as materias máis importantes. A verdade é que nin o goberno nin as dúas forzas políticas que o sostiñan (PSdG e BNG) souberon explicar correctamente esa norma, nin tampouco impulsar as imprescindibles medidas de acompañamento e apoio para implementala. A última observación dá para falar das insuficiencias dos proxectos e discursos glotopolíticos -da política lingüística, nunha palabra- do PSdG e do BNG, asunto que non nos ocupará longamente neste artigo, pero sobre os que voltaremos brevemente máis adiante.
Pero unha cousa son as dificultades reais, que son innegables e deben ser analizadas e ponderadas con todo coidado, e outra a resistencia organizada e articulada politicamente. Onde residiu o cerne desta resistencia? Ao noso entender, o núcleo duro constituíuno a patronal do ensino privado e concertado (excluíndo unha parte significativa dos centros relixiosos) e unha porción importante das capas sociais que constitúen a clientela preferente desa rede educativa (isto é, sobre todo, as clases alta e media-alta urbana). Noutras palabras, sectores sociais minoritarios e privilexiados, moi poderosos, aos que se asocia tamén a sintonía ideolóxica con importantes medios de comunicación, cando non a propiedade deles. Lembremos algúns pronunciamentos públicos sobre o galego que foron moi relevantes e que ofrecen pistas ben indicativas, como o do Círculo Financeiro de Vigo ou a Confederacións de Empresarios de Pontevedra, lembremos a recente votación sobre o anteproxecto do Decreto no Consello Escolar de Galicia, que mostrou branco sobre negro os apoios con que este contaba no sector educativo, e finalmente lembremos o papel dos dous diarios máis importantes da Coruña e Vigo en todo o debate sobre a lingua ata hoxe mesmo, e moi especialmente durante a pasada campaña electoral.
En resumo, trátase dos grupos e axentes sociais que na idade contemporánea tiveron o protagonismo na marxinación do galego e na implantación e difusión do castelán, e que por tradición se miran constantemente no espello da capital do Estado. As correntes progresistas da sociedade galega tenden a esquecer que unha parte substancial das elites dirixentes de Galicia só teñen ollos para o que acontece en Madrid, e están dispostas a emular calquera cousa que xurda alí, aínda que sexan ficcións que nada teñen que ver co noso país, como a da ‘persecución del castellano’.
Doutra banda, non se pode entender a campaña contra o galego do Partido Popular de Galicia se non se relaciona co proxecto de renacionalización e recentralización promovido polo Partido Popular de España, un proxecto plenamente compartido pola actual cúpula dirixente do PPdeG, con Alberto Núñez Feijoo á cabeza, que varreu implacablemente calquera residuo do vello proxecto rexionalista e vagamente galeguista de Fernández Albor, Fraga e Cuíña. Non é que a dirección do PP de Galicia asuma unha estratexia que vén ditada desde Madrid, é que ela mesma participa na elaboración desa estratexia, por máis que a modulación concreta dela e a xestión das contradicións que lle poida xerar en Galicia (comezando polo interior do propio partido) lle corresponde a Feijoo e Rueda e o conxunto da dirección do partido. Pero, en definitiva, non se poden entender nin os discursos nin a política lingüística do PP de Galicia sen ter en conta que as liñas as marca a dirección do PP en Madrid, que leva facendo da ‘defensa do español’ (e simultaneamente, do ataque ao catalán, o eusquera e o galego) e da reconstrución de España (e ao tempo, da erosión das autonomías, especialmente da catalá e a vasca) un eixes principalísimos da súa política, coa esperanza de obter grandes réditos electorais na España central.