A imaxe do pequeno Aylan morto nunha praia da illa grega de Kos removeu as conciencias de millóns de cidadáns europeos, que pasaron do temor a unha “invasión” de refuxiados procedentes de Siria, á indignación e á solidariedade cara a aqueles que fuxían do horror na procura dun futuro mellor. Incluso os gobernos que outrora afirmaban que “non hai cabida para tanta xente” (ignorando que países como Turquía xa acolleran a case 2 millóns de sirios, Líbano case 1,2 millóns, ou Xordania, 600.000) deixaron de poñer valos e levantar muros para tender pontes cara á cordial acollida dos refuxiados. Con todo , Que pouco durou o espellismo! Un par de semanas e as conciencias removidas acougaron, os muros empezaron a erguerse de novo, o sentimento islamófobo comezou a propagarse nos medios de comunicación e o Estado de Benestar da vella Europa tratou de pecharse en si mesmo como unha ostra na súa cuncha, ignorando todos os tratados e Acordos Internacionais desde a Convención de Xenebra de 1951 e o Protocolo de 1967, que impiden devolver ao seu país de orixe a quen corra un fundado perigo en caso de retornar ao mesmo.
A UE creara unha política común de asilo para que os solicitantes de asilo rexeitados nun país non puidesen volver pedilo de novo noutro país do espazo de Schengen. Esta política común iniciouse coa Convención de Dublín en 1990 e continuou coa execución do arquivo EURODAC e o Regulamento Dublín II en 2003, vixentes na actualidade , que obrigan ao solicitante de asilo a permanecer no primeiro país do espazo Schengen no que entrara. Por iso é polo que países como Hungría ou Macedonia, limítrofes co Oriente Próximo, blindaron as súas fronteiras para evitar acoller a miles de refuxiados ou, pola contra, finxisen que non os vían entrar e permitinlles pasar a outros países do espazo Schengen sen rexistralos previamente para así evitar que lles fosen devoltos máis tarde.
Mais como isto non era suficiente, a falta de solidariedade europea deu un paso máis e subarrendou ao goberno turco a xestión da crise migratoria por 6.000 millóns de euros, renegando así dos principios fundacionais comunitarios, vulnerando o dereito internacional e negociando cun país que, lonxe de avanzar en dereitos e liberdades, maltrata o principio de separación de poderes, e coarta a liberdade de expresión cada día . Mediante este “Acordo da Vergoña”, como xa foi bautizado polas organizacións sociais, por cada refuxiado sirio que entre desde Grecia en territorio europeo e que sexa trasladado a Turquía, a UE reacollerá a un refuxiado do territorio turco. O pasado 4 de abril saíron das illas gregas de Lesbos e de Quios os tres primeiros barcos rumbo a Turquía, con 204 persoas de diferentes nacionalidades (Pakistan, Bangladesh, Sri Lanka, Norte de Africa e mesmo Congo). Curiosamente, non había entre elas ningunha de nacionalidade siria.
En España a lei 2/2009 do 30 de outubro reguladora do Asilo e a Protección Subsidiaria responde á política europea nesta materia e outorga ao solicitante de Asilo un estatuto provisional de refuxiado que lle dá dereito a percibir determinadas axudas sociais así como a traballar no país de acollida, ao mesmo tempo que lle impón a prohibición de saír do mesmo en tanto non se resolva a súa solicitude. Agora ben :Cal é o prazo máximo para resolver e conceder ou non a unha persoa a condición de refuxiada? A experiencia profesional permitiume coñecer casos nos que se tardou ata cinco anos en resolver acerca da solicitude de asilo, e normalmente denegándoo. Máis do 50% das peticións que se presentan cada ano son rexeitadas, a miúdo por considerar que se carece de probas suficientes que acrediten a situación de perigo que sofre a persoa se regresase ao seu país de orixe, ignorando que alguén que foxe na maioría dos casos “co posto”, loxicamente non ten documentación, nin vídeos, nin gravacións nin testemuñas que corroboren o que está a afirmar, a menos que se trate de casos de grande repercusión mediática.
Ser solicitante de Asilo non é o “choio” que se está transmitindo aos cidadáns españois por parte de determinados políticos. Moi ao contrario, os refuxiados son persoas que se atopan en especial situación de vulnerabilidade, non só polas circunstancias dramáticas que viviron para chegar ata o país de acollida, e a precariedade en que chegan ao mesmo, senón polo futuro incerto que lles espera de non prosperar as súas solicitudes de Asilo: A irregularidade administrativa (dificilmente superable no caso de indocumentados), o medo a unha orde de expulsión , ou no peor dos casos, a deportación ao país do que tanto sufrimento custoulles saír. E en lugar de ofrecerlles alternativas dignas e xustas, os gobernos europeos tentan varrelos da súa vista, escondéndoos baixo unha alfombra turca.