Presentación

carlos etcheSAÚDE E LONGA VIDA

Estamos nese instante en que pasamos do inverno á nova estación na que se produce o renacemento da vida nova: Equinoccio primaveral. Este acontecemento marcou mitos e culturas desde o comezo da humanidade, acompañándose de festexos e símbolos.

Nesta época astronómica  e con Espazo como anfitrión, nace o Foro OBenComún como lugar de encontro para ordenar un novo relato conforme ao momento político que vivimos.

O noso horizonte é consolidar esta plataforma como oportunidade para o debate de ideas e confrontación de opinións; como un estímulo para avanzar no progreso social e tamén como instrumento de loita para transmitir o noso empeño por alcanzar a xustiza e igualdade entre os cidadáns.

Baixo a batuta do noso Director Xoán Hermida, e coa colaboración de colaboradores e analistas, este proxecto verase acompañado, a bo recado, de longa vida e prosperidade.

Demos pois a benvida a este modesto impulso democrático, que solidariamente pomos a disposición de cuantos desexen contribuír á mellora da sociedade.

A Coruña, 22 de marzo de 2016

Carlos Etcheverría [Presidente de Honra]

————– ooo —————

A esquerda non será capaz de construír unha alternativa senón é capaz de vertebrar unha proposta críbel, construída desde a proposición de solucións ás contradicións reais que ten a sociedade e que permitan elaborar un relato ancorado en novos horizontes.

Para iso é importante fuxir do tacticismo, do caneo curto, saber que os procesos de construción son complexos e necesitan da participación colectiva de moitas persoas. Xunto coa elaboración colectiva diaria ligada á practica política necesitase un foro de reflexión e debate que vaia un paso por diante das axendas cotiás.

O ForOBenComún é unha iniciativa concibida como un lugar aberto a outras miradas co único obxectivo de axudar na procura de elementos epistemolóxicos para a renovación da esquerda e para facilitar os procesos de cooperación e converxencia das persoas e colectivos que se encontran interpelados niso que poderiamos entender como a esquerda nacional.

O obxecto do ForOBenComún é a promoción, o fomento, o estudo e a investigación dos principais acontecementos políticos e sociais, dende unha perspectiva de esquerda nacional, transformadora, ecoloxista e feminista.

A vontade do ForOBenComún é ser un espazo de reflexión e de formación, de debate e de intercambio. Nun momento de novos retos polo pensamento transformador, de cambios de paradigmas e de crecentes complexidades, a esquerda nacional ten que saber responder con rapidez a todo e elaborando tamén un novo discurso.

A finalidade é contribuír no establecemento das bases dun pensamento ligado á emancipación social, á defensa do medio ambiente e á igualdade de xéneros, dende a participación e a radicalidade democrática. O ForOBenComún ten como finalidade a difusión e a elaboración do ecosocialismo galego.

Pódense formular cinco liñas estratéxicas nos obxectivos do ForOBenComún:

A. Ser un espazo de reflexión e de análise dos procesos de cambio social, das contradicións e dos conflitos emerxentes e dos potenciais da acción que se crean.

B. Axudar a impulsar e espallar as novas axendas políticas e sociais da esquerda nacional galega do século XXI. Xerar ideas, argumentos e propostas para a profundización e a radicalidade democrática, a transformación social e ecolóxica, a feminización, e a defensa da diversidade cultural.

C. Promover o debate e a aprendizaxe sobre propostas e formas emerxentes de acción colectiva, co horizonte dunha sociedade inclusiva, paritaria, sustentábel e participativa.

D. Construír espazos de diálogo entre as diferentes sensibilidades e culturas das esquerdas nacionais, políticas e sociais. Axudar a repensar as pautas de diálogo e interacción entre as forzas políticas e os movementos sociais.

E. Ser un instrumento de recuperación da memoria histórica colectiva, de artellar e de pór en diálogo a bagaxe histórica coa necesidade de afrontar os retos do futuro.

Consello Rector [Editorial]

__________

Carlos Etcheverría Vazquez. Ex-presidente Ateneo Republicano da Coruña (Presidente de Honra)

Xoán Hermida González. Historiador. Doutor en Xestión Pública (Director)

Begoña Graña Suarez. Doutora en Medicina

Teresa Bustamente Fernández. Avogada

Manel Cardoso Santiago. Técnico Ambiental

Manuel Dios Diz. Ensinante. Concelleiro de Compostela

Ana Seijas Baranauskas. Politóloga

Consello de Ideas

__________

Víctor Barro Casal. Enxeñeiro. Activista Ecoloxista

Carlos Barros Guimeráns. Historiador. Profesor na USC

Teresa Bustamante Fernández. Avogada

Manel Cardoso Santiago. Técnico ambiental

Oscar Cordero Santamaria. Profesor de Bioquímica da USC

Teresa Cunha. Investigadora CES Coimbra

Begoña Graña Suárez. Doutora en medicina

Manuel Dios Diz. Ensinante. Concelleiro de Compostela

Juan Carlos Fernández Naveiro. Filósofo

Xoán Hermida González. Doutor en Xestión Pública

Pablo A. Meira Cartea. Profesor Educación Ambiental na USC

Henrique Monteagudo. Lingüista. Secretario da RAG

Iván Rodríguez Lombadero. Doutor en Xeoloxía

Ana Seijas Baranauskas. Politóloga

Xosé Veiras García. Biologo. Experto en cambio climático e enerxias renovables

Isabel Vilalba Seivane. Secretaria Xeral do SLG

Luís Villares Naveira. Maxistrado

Cruz Villaverde Peón . Antropologa