A política lingüística contra o galego. A ofensiva neoliberal (2)

Henrique Monteagudo

Artigo orixinalmente publicado en abril de 2010 no sitio web da Fundación 10 de marzo

http://www.f10m.org/nova/138

Nota do editor: Este artigo é a continuación da primeira parte xa publicada neste Foro e que podedes ler nesta ligazón.

 

  1. A estratexia do Partido Popular. O invento da ‘imposición do galego’

Para xustificar a súa campaña contra o galego, Feijoo e o Partido Popular tiveron que explotar ata o límite a consigna sobre a ‘imposición do galego’. Esta noción ten unhas implicacións moito máis fondas do que puidera parecer a primeira vista, pois, como dixemos, presupón unha reformulación radical da problemática lingüística do país, que implica borrar ou desfigurar aspectos fundamentais da realidade, e manipular preconceptos implantados no imaxinario colectivo durante séculos de marxinación da lingua propia. Poñamos un exemplo. A comezos de maio de 2009, acabado de estrear o cargo, o Conselleiro de educación aseguraba que el non percibía que en Galicia existisen prexuízos contra o galego. O propio conselleiro, ao día seguinte da presentación do novo proxecto, a mediados do marzo pasado, sentenciou nunha entrevista xornalística que “vivimos nunha sociedade onde non falamos da desigualdade” entre o galego e o castelán. El saberá quen son os que non falan desa desigualdade e por que non o fan, pero o certo é que o feito de que algúns se neguen a falar dela non fai que sexa menos real do que é. Sexa como for, por descaro ou por ignorancia, o conselleiro nega puras evidencias, coma a persistencia de arraizados prexuízos contra o galego e a inocultable posición privilexiada do castelán nunha serie de aspectos decisivos da vida civil, desde o estatus social aos medios de comunicación.

Foto 6. Manifestación Galicia Bilingüe, febreiro 2009. Albert Rivera (1)Que política lingüística se segue desta visión? Se a realidade tanxible e comprobable é negada, no seu lugar propálase un artefacto denominado ‘imposición del gallego’. Un día alguén nos terá que explicar como é que un idioma pode ser ‘imposto’ no país en que non só ten recoñecemento oficial senón que está declarado legalmente como ‘propio’ (como fai o Estatuto de Autonomía de Galicia). Imponse o castelán en Valladolid? O francés en Xenevra? O portugués en Lisboa? Volveremos sobre esta falacia, cando tratemos da súa xemelga, a ‘liberdade lingüística’.

Outra peza, non menor, das manobras de falsificación da realidade, é toda a propaganda intensamente publicitada contra a ‘inmersión lingüística’. En primeiro lugar, este termo expresa de forma moi significativa a parcialidade do punto de vista de quen o ataca: para os/as estudantes galegofalantes, recibir a súa docencia en galego consiste en tanta inmersión como para os castelanfalantes de Madrid ou Segovia recibiren as súas clases en castelán, ou os lusofalantes de Braga recibila en portugués. Doutra banda, ter unha porción substancial das súas clases en galego é, certamente, inmersión para os alumnos castelanfalantes de Galicia. Pero resulta que o modelo de ensino preferentemente en galego (isto é, de inmersión, parcial ou completa) é o que mellor garante o obxectivo de que todos os/as estudantes de Galicia, sexan falantes de castelán ou de galego, acaben cunha competencia suficiente e semellante nos dous idiomas. Existe unha ampla bibliografía académica, fundada na investigación e experimentación en diversos contextos, que así o demostra de xeito contundente.

 

  1. O discurso ultraliberal e a falacia da ‘liberdade lingüística’

Pero quizais a xoia máis elaborada de todo ese aparello discursivo-propagandístico forxado nas fraguas da FAES aznarista e nos laboratorios de Galicia Bilingüe e alegremente propalada polo PP e importantes medios de comunicación españois e galegos, sexa o da ‘liberdade lingüística’. Esa noción, a auténtica pedra de toque da nova política lingüística do neonacionalismo español (de dereitas e non tanto) responde á aplicación, tan rigorosa como forzada, ao dominio da linguaxe, de concepcións ultra-liberais (ou, máis exactamente, pseudo-liberais) no terreo da política, a economía e a sociedade. Tal concepción propugna a existencia de individuos totalmente isolados e arrincados das súas condicións sociais de existencia, individuos que se realizan como seres plenamente libres ao actuaren nun mercado desregulado. Aplicada ás linguas, esa visión sostén que cada individuo escolle, ou debe poder escoller, a lingua que fala, no marco dun ‘mercado’ lingüístico libre, no que loxicamente, por efecto dos xogo da libre concorrencia, se imporá o idioma que máis vantaxes comparativas ofrece. Sobre estas premisas, distínguese linguas étnicas (asociadas a identidades impositivas de comunidades regresivas e pechadas) de linguas cívicas (asociadas á participación na libre cidadanía en sociedades abertas e progresivas), e sostense que a problemática das linguas remite exclusivamente aos dereitos dos individuos, ao tempo que se rexeita o recoñecemento da existencia de dereitos lingüísticos colectivos.

Pois ben, as dicotomías sobre as que repousa o pensamento e a política lingüística ultraliberal, que contrapoñen o individual co colectivo e o étnico co cívico, están completamente fóra de lugar cando tratamos de linguas. Cada lingua é ao tempo e inseparablemente un fenómeno individual e colectivo, expresa simultaneamente a identidade dos grupos sociais (non só das nacións, tamén outras identidades: de xénero, de grupo de idade, de clase social, de profesión, de procedencia xeográfica, etc.) e de cada un dos individuos, e posibilita, máis aínda, é condición indispensable, para a participación de todos e cada un dos cidadáns e cidadás, a través do diálogo e a comunicación, na integración nunha cidadanía común e na conformación da opinión pública. Non hai maneira de aprender e utilizar unha lingua calquera (fóra das mortas) que non sexa mediante a interacción social, e por iso carece de sentido a noción dun idioma que fose lingua de un só individuo illado.

Foto 1. Manifestación Queremos Galego 18, 10, 2009 (2)Igualmente, a noción de que os individuos escollen libremente a lingua que falan é, salvo casos excepcionais, completamente ficticia, pois, en principio, cada persoa aprende a falar na lingua (ou no seu caso, linguas) coa que está en contacto nos primeiros anos da súa vida, por simple inmersión no medio social en que se desenvolve, e só en casos especiais ten a posibilidade de optar máis tarde por falar outra ou outras linguas. Dixemos optar por, pero mesmo cando se dá esta segunda posibilidade, non acostuma ofrecerse como unha opción que o individuo é libre de escoller ou non; máis ben, serán as condicións ambientais (e particularmente, do mercado de traballo ou as oportunidades de integración e promoción social) as que o apuxarán a usar esoutra lingua. Por outra banda, en condicións normais unha persoa non abandonará a súa primeira lingua, na que aprendeu a falar, a favor doutro idioma; isto farao só se se sente obrigada a facelo (por exemplo nos casos de emigración), e moi raramente por decisión voluntaria e espontánea.

Do mesmo xeito, a idea segundo a cal as dinámicas de relación entre as linguas e as opcións lingüísticas dos individuos estarían reguladas por un mercado lingüístico libre constitúe unha completa falacia, que ignora os complexos aspectos culturais, sociais, políticos que poñen en relación unhas linguas (ou mellor, comunidades lingüísticas) con outras e os factores que poden levar os individuos e comunidades a abandonar a súa lingua orixinal para adoptar unha distinta. Ademais, as diferenzas entre as linguas remiten ao final a desigualdades de todo tipo (social, económico, político, cultural) das súas comunidades de falantes. Por outra banda, o punto de vista economicista impón un reducionismo inaceptable sobre a complexa realidade multidimensional das linguas, coas súas compoñentes psicolóxicas, sociais e culturais: os idiomas son moito máis ca produtos de mercado, do mesmo xeito que as persoas somos moito máis ca simples actores económicos, consumidores ou forza de traballo.

A noción de que o castelán se difundiu a custa das outras linguas de España simplemente porque os e as falantes das segundas lle deron voluntaria preferencia á primeira constitúe unha monstruosa falsificación histórica, que ignora as relacións de forza entre os grupos sociais e nacionais, unhas relacións que condicionaron as políticas lingüísticas dos poderes públicos e dos non tan públicos (non só o Estado, senón as grandes compañías, as empresas de comunicación, os bancos, etc.). A barbaridade chega á negación das políticas de imposición do castelán promovidas polo Estado, que durante longas e recentes etapas da nosa historia adoptaron modalidades brutalmente represivas: pénsese só nas ditaduras de Primo de Rivera (1923-31) e sobre todo franquista. Os galegos e galegas, nin como individuos nin colectivamente, tiveron nunca a opción de escoller libre e voluntariamente o castelán e abandonar o galego. Máis ben, o abandono do galego é consecuencia directa dunha política de marxinación de efectos devastadores sobre a sociedade galega, e en particular sobre as clases populares de Galicia.

 

  1. A falsidade do ‘mercado libre’ das linguas. Dereitos lingüísticos individuais e colectivos

Os partidarios da polítca lingüística supostamente baseada na “liberdade” insisten nos dereitos dos falantes, contrapoñéndoos aos dereitos das linguas (isto é, das comunidades de falantes). Pero eles non reivindican nin poderían reivindicar os seus dereitos (supostamente vulnerados pola lexislación favorable ao galego) como castelanfalantes en Galicia en canto individuos isolados nun mercado libre. Reivíndicanos como grupo social e en nome dunha Constitución que declara o castelán lingua oficial do Estado (e que, por certo, proclama o deber dos cidadáns dese estado de coñecer esa lingua: a previsión máis impositiva en materia de lingua de todo o entramado xurídico-legal español). Se esa reclamación se fixese a título puramente individual, teriamos tamén que recoñecer os dereitos dos falantes do árabe, do inglés, do romanés, do bérber e de todas as linguas dos inmigrantes, turistas e visitantes.

Pero todos nos decatamos que unha cousa o dereito que ten todo individuo a falar, aprender e usar libremente calquera lingua, que un dereito humano básico que debe ser respectado en calquera parte do mundo e en calquera situación, e outra cousa moi distinta é a realidade inescapable de que dependendo do lugar ou ocasión en que un se atope, determinada lingua é ou non é útil (ou máis útil ou vantaxosa ca outra) para a comunicación e a integración sociais. Aínda máis, todos nos decatamos, porque puramente evidente, de que unha cousa son os dereitos individuais que ten todo falante de calquera lingua, e outra distinta son os servizos que as administracións públicas e as empresas están obrigadas a prestar aos cidadáns, usuarios ou consumidores en tal ou tal outra lingua, cousa esta depende do arraigo social das linguas e/ou da regulación oficial do uso de tal e tal outra lingua nunha serie de ámbitos sociais (administración, xustiza, sistema educativo, etc.). Por iso, a noción de ‘mercado lingüístico libre’ só pode ser tomada como unha metáfora máis ou menos enxeñosa, pero nunca coma unha clave explicativa dos mecanismos e das dinámicas sociais de relacionamento entre as linguas e os seus falantes.

En definitiva, como de xeito natural se aprende a lingua ou linguas do contexto social en que o individuo nace e se desenvolve, e como o uso da lingua esixe necesariamente interlocutores aos que dirixirse e redes sociais a través das cales comunicarse, tratándose de idiomas carece de sentido a dicotomía que opón o individual e o colectivo. E tanto pola inevitable asociación das linguas con tradicións culturais e identidades de grupo, como polas esixencias da organización da comunicación social, o recoñecemento e o uso público das linguas vén necesariamente establecido e regulado (de xeito máis ou menos explícito e máis ou menos rigoroso) por diferentes poderes sociais, e nomeadamente o estado.

De aí a falacia da noción de ‘imposición do galego’: se o galego é plenamente oficial en Galicia, e se a nosa lexislación, Foto 5. Imaxe da Manifestación Galicia bilingüe, febreiro 2009democraticamente debatida e aprobada, sinala como un obxectivo a normalización do seu uso social, simplemente, carece de sentido falar de ‘imposición’. O que en realidade acontece é que hai persoas e estamentos sociais privilexiados que aspiran a vivir, traballar e desenvolverse en Galicia ignorando a existencia do galego. Como nun momento dado, iso comezou a resultarlles un tanto incómodo, botáronse a falar de ‘imposición’. Se o común dos cidadáns e cidadás de Galicia, pola forza das cousas, ten que saber e usar o castelán, independentemente de que a uns ou outros lles resulte máis ou menos cómodo, iso non é ‘imposición’; iso é ‘liberdade’ grazas ao ‘mercado lingüístico’. Niso consiste o bilingüismo equilibrado, fundamento da política lingüística contra o galego que propugna o PP.

Por tanto, nas condicións concretas de Galicia, o lóxico, o sensato e o que recolle o noso marco xurídico-legal é que hai dúas linguas plenamente oficiais, galego e castelán, e que os seus falantes deben ser iguais en dereitos e en deberes. Para tanto, e dado que esa igualdade recoñecida nas leis é un obxectivo de futuro e non unha realidade efectiva no presente, e na súa condición de lingua propia de Galicia, o galego debe ser obxecto de especial respecto, apoio e promoción. Os cidadáns e cidadás de Galicia deben saber manexar de xeito competente e efectivo as dúas linguas, para poder comunicarse e interaccionar normalmente (sobre todo no medio laboral e nos ámbitos públicos) en ambas; o cal, dadas as circunstancias de posición social e de circulación privilexiada do castelán nos grupos de estatus, nos medios de comunicación e na vida pública, e a escasa presenza do galego en certos ámbitos (como os principais núcleos urbanos), esixe unha presenza preferente do galego no sistema educativo non universitario. A iso se reduce toda a leria do equilibrio, a liberdade lingüística e a imposición do galego.

 

  1. A necesidade dun novo discurso sobre a lingua, base dunha nova política lingüística

Non é este lugar para detallar un modelo lingüístico para o ensino alternativo ao debuxado polo proxecto de decreto que quere impoñer o goberno do PP. Porén, deixemos dito que ese modelo ten que responder fielmente ao espírito e os principios recollidos na nosa lexislación, e, naturalmente, tamén ás aspiracións da maioría do país. En particular, coido que ese modelo debe marcar un marco xeral e común, e ao mesmo tempo debe dar unha certa marxe de flexibilidade aos centros, en función dos distintos contextos sociolingüísticos e educativos.

O marco xeral vén sinalado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que simplemente precisa dunha adaptación flexible: educación infantil na lingua materna dos rapaces e rapazas (que debe determinar o Consello Escolar a partir de diversas fontes de información, entre as cales, do profesorado), con presenza dun mínimo do 30% de galego nos contextos castelanófonos; educación primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato cun mínimo do 50% en galego, con facilidades e apoios para os centros que superen esa porcentaxe, e con procedementos regulados, baixo control das autoridades educativas, para os centros que non cheguen a ela e se comprometan a facelo nun prazo determinado. A promoción do uso vehicular da lingua estranxeira, nunha estratexia de fomento do poliglotismo, debe centrarse na Universidade, no Bacharelato e nos últimos cursos da ESO, e debe ter carácter voluntario e gradual. A participación das familias nestes asuntos, coma na xeneralidade dos demais atinxentes á educación, debe facerse a través dos canles establecidos, como os consellos escolares de cada centro.

Afirmamos antes que os erros da política lingüística do goberno de coalición derivan de eivas dos proxectos e discursos dos partidos que o sostiveron. Esas eivas merecen tamén unha breve reflexión, pois da súa superación pende a posibilidade dunha alternativa de goberno no futuro. Para resumir, diremos que o Partido Socialista non se aplicou suficientemente a elaborar un proxecto propio de política lingüística e un discurso coherente, que supere as contradicións internas sobre este asunto que en ocasións resultan sangrantes (lembremos a xeito de ilustración figuras como o ex-alcalde da Coruña Francisco Vázquez) e que vaia alén dun compromiso xenérico, máis ou menos vago, co galego. Unha posición que máis veces das desexables se concreta nun cómodo tacticismo, guiado polo criterio (que nalgunha ocasión dá no cravo pero a maior parte das veces é discutible ou claramente erróneo) de procurar situarse na equidistancia entre o PP e o BNG. É unha verdadeira mágoa, porque o PSdG está en óptimas condicións de construír un discurso, un programa lingüísticos ao tempo integradores e comprometidos co galego, sobre os que pode pivotar no futuro unha política lingüística que sexa ao mesmo tempo eficaz para a recuperación da lingua nun marco de convivencia e que conte cunha ampla aceptación social.

Canto ao BNG, os seus problemas proveñen máis ben da adhesión pertinaz dunha boa parte tanto da súa dirixencia canto da súa militancia, a unha serie de axiomas que teñen bastante de dogmáticos e que lle dificultan considerablemente as posibilidades de conseguir un asenso social máis amplo. Nocións tales como que o conflito lingüístico entre o galego e o castelán é inevitable, mesmo positivo, e que por tanto debe formentarse, que a normalización só se conseguirá cando se alcance o monolingüismo en galego, que o bilingüismo é unha trampa, ou que só o nacionalismo está verdadeiramente comprometido coa lingua. Co devandito alíase unha sobrevaloración, ao menos no discurso de certos dirixentes, dos problemas da corrección e da norma lingüísticas, e unha achega histórica pouco lucida ao confuso debate normativo. En definitiva, o nacionalismo veu padecendo unha propensión sectaria a apropiarse do idioma e da cultura de xeito monopolizador e en proveito propio, cunha perspectiva partidista. Todo o devandito pexa seriamente a eficacia do seu abnegado compromiso e do seu encomiable labor de militancia e de activación social a prol do galego. O discurso, o proxecto e política lingüística do nacionalismo están necesitados dunha fonda revisión, fundada nunha análise realista e nunha visión máis ampla e aberta, e apoiada nunha reflexión ilustrada, da que saian propostas asumibles pola maioría da sociedade.

Dito o dito, non hai dúbida de que ambas as forzas políticas levan feito esforzos importantes nos últimos tempos no sentido de impulsar e dar unha cobertura política, cada unha desde a súa propia posición, pero procurando salientar os puntos de encontro, á resposta social que se veu producindo á política lingüística do Partido Popular. O resultado está á vista: unha mobilización social ampla e con grande eco popular, que de feito xa conseguiu facer recuar a dirección do PP nos seus designios máis radicais. Pero o reto continúa aí, pois este partido non abandonou a súa estratexia de acoso e derruba do galego, que pode endurecer a pouco que se lle presente a oportunidade, e doutra banda os partidos da oposición teñen aínda moito camiño por percorrer ata articular unha alternativa sólida, o cal resulta imprescindible para corrixir o rumbo desastroso que vén marcando o PP. Temos moito camiño por andar para conseguir un discurso, un proxecto e unha política lingüística capar de suscitar un amplo consenso político e social, coherente e eficaz. Oxalá poidamos percorrelo, acompañados/as da maioría da sociedade galega, antes de que sexa demasiado tarde.