Xa van case trinta anos da caída do muro de Berlín que, ademais de reconfigurar o escenario xeopolítico internacional, supuxo, nun primeiro momento, unha importante crise global da esquerda alternativa que viuse diante do espello dun modelo a todas luces indefendible no plano democrático e, avanzou en pouco tempo, a crise dunha socialdemocracia incapaz de propor un new deal social diante do embate das forzas do neoconservadurismo.
Neste case trinta anos, á marxe da experiencia do altermundismo que cristalizou nos gobernos movementistas post-neoliberiais de América Latina, hoxe inmersos nunha grave perda de pulso, e algunha que outra formulación, máis voluntarista que real, tense constatado unha fonda crise dos movementos alternativos ao sistema ata o punto que esta afecta aos propios paradigmas e principios, epistemoloxías e ontoloxías, formulacións políticas e organizativas que durante máis de un século definiron o concepto esquerda.
No local a crise por esgotamento do ‘réxime do 78’ empezouse a percibir no inicio deste século coa incapacidade institucional da crise do Prestige e a desafección provocada polas mentiras da guerra de Iraq e as primeiros brotes de corrupción, agravouse a partir do 2008 co desmerengamento do raquítico estado de benestar español e tivo a súa impugnación total co movemento de indignación das prazas en 2011.
E ambos casos asistimos a unha dobre crise: crise de lexitimación democrática, por unha banda, e ausencia de alternativas, por outra. Acerta o profesor Boaventura de Sousa cando di que o século XX iniciábase con dúas forzas motrices poderosas, a revolución e a democracia, que ao inicio deste século teñen desaparecido.
É verdade que no contexto local, que é o que nos ocupa pois trátase de pensar desde esta terra e neste tempo, temos asistido nos últimos anos a experimentacións políticas que teñen intentado superar os limites da ‘ortodoxia’ e teñen formulado procesos de reactivación cidadá necesarios. AGE inicialmente en Galicia, Podemos, En Comù, e de novo, de volta a Galicia, En Marea e as súas contornas, teñen sido exemplos disto.
Pero tal como vimos dicindo deste 2011 estamos diante dunha crise democrática que nos aboca a un novo proceso constituinte, polo que a coordenada democrática pasa a ser a central, a que ten capacidade, na solución das súas contradicións, expresar novas hexemonías sociais, políticas e electorais.
Estamos diante dun episodio de cambio que, ao igual que todos, son complexos e longos. Requiren, polo tanto, intelixencia para percibir os seus matices e paciencia para perseverar. Lamentablemente as forzas do cambio, particularmente Podemos que nun primeiro momento soubo interpretar correctamente as pulsións que viñan das prazas do 15M, teñen deixado nun segundo plano as demandas democráticas para refuxiarse de novo, seguramente por medo a ir máis aló, en espazos ideoloxicistas do repertorio clásico do esquerdismo e do nacionalismo.
Ese é no punto de encrucillada no que estamos.
Hai uns meses, e tras a concreción de EnMarea como proxecto político de formulación galega e de estruturación de adhesión cidadá, Espazo Ecosocialista acordou a súa disolución.
Esta decisión, que debería ser seguida polos distintos axentes partidarios que apostan por En Marea, sitúa ao Foro OBenComún diante dunha nova etapa na que esta obrigada a redefinir a súa misión e o seus obxectivos.
Unha nova etapa que quere ser colaborativa entre diferentes liñas de pensamento e aberta a persoas que desde a investigación ou a opinión aporten propostas desde o seu campo de traballo social ou desde o activismo político.
OBenComún abre esta nova etapa de traballo como foro galego independente de calquera partido, institución ou lobbi, pero centrado claramente no pensamento e análise crítico.
Nun momento de confusión onde pode existir, e existe de feito xa, o perigo de que as forzas do cambio se refuxien de novo nas afirmacións de esencia ideolóxica, ben no ideario esquerdista ou nacionalista, OBenComún quere poñer todo o seu esforzo por consolidar os pasos dados e seguir afondando no novo pensamento que permitiu por vez primeira quebrar o modelo turnista, cuxas forzas seguen a ter un claro problema de representatividade.
Fronte ás lóxicas ideoloxicistas, esquerdistas ou nacionalistas, desde OBenComún apostamos claramente por afortalar un proxecto de construción nacional para Galicia que teña a súa argumentación teórica e a súa praxe política na democracia radical, no republicanismo cívico e na laicidade de ideas.
Para iso, catro van ser os campos nos que o Foro OBenComún vai traballar: a investigación científica, o debate de ideas, a divulgación (selo editorial) e o pensamento político.
O camiño esta por andar, procuramos voces libres para pensar un novo horizonte.