Ven de deixarnos Carlos Etcheverría, Presidente de Honra do Foro OBenComún.
Carlos era fundamentalmente republicano. Así, sen ambaxes. Nese tema non admitía ningunha transacción. Hai uns meses conteille unha solución política para o enredo da xefatura do Estado. Unha solución ‘imaxinativa’ para un acordo que dera por zanxada esa diferencia histórica. Escoitou, como escoitaba el, con todos os sentidos e atendendo aos argumentos. Nin o cariño que me tiña, nin a intelixencia para captar os matices o convenceu.
A firmeza que mantiña na defensa dos seus principios era robusta. A capacidade que tiña para escoitar outros argumentos era inmensa. A súa bondade e empatía, a súa alegría pola vida, era infinita.
Dicía Karl Marx de Abraham Lincoln: “A figura de Lincoln é unha figura sui generis nos anais da historia. Ningunha iniciativa, ningún ímpeto idealista, ningún contorno nin roupaxe histórico. Lincoln da sempre aos seus actos máis importantes a forma máis insignificante. Outros proclaman que ‘loitan por unha idea’ cando en realidade fano por unha polgada de terra; Lincoln, cando se trata dunha idea, a proclama como ‘unha polgada de terra’. Os máis formidables históricos decretos lanzados ao rostro do adversario, parecen, e intentan parecer, os cargos de rutina que o avogado envía ao avogado da parte rival, argucias legais, rexidas e enrevesadas actiones juris.” Carlos era avogado aínda que desconfiaba de no que se convertera a súa profesión. E nesa cita de Marx sobre Lincoln hai moito do seu oficio.
Fillo do Ministro da República no exilio, Salvador Etcheverría, xa de mozo seguiu os pasos do seu pai. Primeiro na loita clandestina contra a ditadura, despois como candidato ás Cortes Constituíntes, nas primeiras eleccións democráticas, polo Partido Socialista Popular de Enrique Tierno. Líder do PSP na Coruña e posteriormente membro do PSOE. A súa última militancia foi en Espazo Ecosocialista.
Pero como dixen a súa única e auténtica militancia foi a do republicanismo. Foi fundador e Presidente do Ateneo Republicano de Galicia (ARGA).
Unha das últimas veces que nos vimos, ademais de compartir unha tarde de conversas, como sempre intelixentes e alegres, agasalloume con tres sentidos detalles: As memorias do seu pai, “Eclipse en España”, que publicara Edicións do Castro; unha tarxeta pintada por el; e un sello conmemorativo da II República.
Carlos era xa un dos poucos políticos dos de ‘antes’ que aínda quedaban: altruísta, firme nas súas ideas e disposto a acordar. A vida quixo que nos deixara un día antes do 14 de abril. Quizais cansouse de esperar o advento da III República e se marchou sen facer ruído.
Aquí deixa moito cariño e unha lección de vida. Quen non podería desexar que chegara “a república de Carlos Etchevarría”?
Adeus amigo.
Xoán Hermida. Director do Foro OBenComún