0. Asumir o descoñecemento
Levo semanas fuxindo da idea de escribir algo sobre a situación que estamos a vivir para non sumarme ao exército de ‘entendidos’ e ‘expertos’ que neste momento enchen os medios e as redes.
Parto por recoñecer o meu descoñecemento absoluto en termos médicos ou epidemiolóxicos. Confío nos especialistas e no seu compromiso deontolóxico. Quero crer que as autoridades, todas nunha sociedade democrática e segura, guíanse polos principios de facer o mellor para todos e pola defensa do ben común.
Vivo esta crise como todos. Con medo pola enfermidade. Con angustia pensando no meu pai confinado e a posibilidade, aínda que so sexa remota, de que lle poida pasar algo a el e os seus compañeiros de residencia. Coa tristura de non poder estar co meu fillo adolescente e poder vivir isto xuntos. Coa ansiedade pola situación da economía real e que nos deparará o futuro. Coa indignación cos que se saltan a corentena á lixeira e tamén con aqueles cidadáns ‘exemplares’ que están dispostos a ir sinalando os comportamentos dos seus concidadáns descoñecendo as súas situacións persoais.
Coa bipolaridade entre o comportamento exemplar como cidadán, respectando as obrigas derivadas do confinamento, e o espírito crítico necesario para que non saiamos desta crise coa perda de dereitos sociais como na anterior senón, ademais, cunha aceptada socialmente involución democrática e de dereitos civís.
Deixando a un lado as cifras de contaxio, polo de momento moi en entre dito, pois dependen do número de test de contaxios que se fagan en cada país, a realidade á que podemos cinxirnos é o número de mortos. Si tomamos como referente China ou Corea do Sur, con dous modelos antagónicos de como abordar a crise e onde a curva epidemiolóxica xa dobrou, estaríamos falando dun 0,0002% da poboación no primeiro (3.261 casos) e dun 0,0001% da poboación no segundo (102 casos). É fácil facer a comparativa con outras epidemias dos últimos anos e mesmo dos datos de calquera tempada de gripe estacional.
Entón, ¿que fai a esta pandemia tan excepcional?, ¿Por que en países como España ou Italia con índices de nivel de vida e desenvolvemento sanitaria alto está a ter esta dimensión?
Xa aceptei desde o principio o meu descoñecemento en aspectos médicos e a miña pretensión de non sumarme a longa cadea de ‘expertos’ e ‘gurús’ que saben o que hai que facer, pero si quero apuntar algunha anotación ao respecto da crise. Creo que quen mellor se ten achegado ao contexto da mesma é Boaventura de Sousa Santos nun artigo publicado recentemente do Jornal Público (ver https://www.publico.pt/2020/03/18/mundo/opiniao/virus-solido-desfaz-ar-1908009)
- Unha crise sanitaria global que tiña que chegar
Hai tempo que sabemos que o problema de sustentabilidade do sistema produtivista e de consumo compulsivo que se foi asentando nos últimos lustros do século pasado e que tivo a súa máxima aceleración na primeira fase da globalización na primeira década do actual século, non afectaban só ao desequilibrio ambiental senón que ía a ter efectos importantes na relación do ser humano co planeta, en primeira instancia, e do propio ser humano, con outros seres humanos, en segunda.
As advertencias de crises alimentarias e sanitarias globais foron aparecendo ao longo dos últimos anos ( vacas tolas, gripe aviar, sars coV-2, gripe A, ébola, …). Ata o de agora o seu desenvolvemento non afectara á economía e os hábitos de vida dos países do Norte e as súas poboacións pero era unha cuestión de tempo que isto ocorrera.
E aquí aparece o primeiro paradoxo doutros moitos. Nun mundo onde os mecanismos pautados de seguridade alimentaria e de control sanitario nunca foron tantos e tan asentados nas lexislacións nacionais e rexionais, existe un perigo real de catástrofe e un aumento da vulnerabilidade real da saúde das persoas.
- A falacia do liberalismo
Nos últimos anos estamos asistindo a unha pugna financeira e comercial entre os Estados Unidos de América e China. Pero a máis importante é a pugna cultural. China é consciente que o seu modelo político non é exportable, tampouco o seu estilo de vida. EUA sabe que necesita recuperar protagonismo despois de que a globalización financeira e da comunicación a está a perder con China (as portas da expansión do 5G).
Tanto falar de mundo global liberal e non acabamos de entender que o mundo no que estamos pode ser caracterizado de todo menos de liberal. Sen libre competencia real nin libre circulación de traballadores (con novos muros), estamos ante un modelo monopolista onde son as grandes corporacións, de accionariado privado no caso de EUA ou estatalizadas no caso de China, as que marcan as estratexias económicas e os límites da política.
Hai tempo que a primeira fase da globalización rematou. O esgotamento dos gobernos ‘antineoliberais’ en América Latina ou o fracaso das primaveras árabes significaron a liquidación do movemento altermundista, a ausencia de alternativas ao capitalismo global máis aló dalgunha actualización local da vella socialdemocracia e o pase ao primeiro plano da nova contradición este-oeste, cunha nova guerra fría con EUA e China de protagonistas.
E aquí aparece o segundo gran paradoxo. Nos países que por tradición empresarial, política e cultural tiñan que abandeirar o liberalismo comercial global aparecen movementos políticos (gobernos de Trump e Bolsonaro en América ou auxe dos populismos nacionalistas en Europa) con receitas proteccionistas e mesmo autárquicas. Pola contra China, cun modelo político totalmente afastado do liberalismo político aposta por seguir mantendo a globalización comercial e financeira.
Europa, ausente nesta nova confronta, tras ir desmantelando o seu ideal social e democrático vese incapaz de exportar un modelo que xa non é atractivo.
Pero, e esa é o terceiro gran paradoxo. Ou os europeos somos quen de redefinir o noso modelo democrático e social ou as alternativas serán un dos dous modelos que hoxe nos ofrecen EUA ou China, aparentemente antagónicas, onde o ideal democrático sería un vago recordo do pasado.
- O virus chegou no peor momento
Unha das derivas desta crise ven polo momento de auxe de populismo e nacionalismo e a incapacidade de albiscar alternativas democráticas con visión global.
Non é casual que a administración norteamericana fale do virus chinés. En China empece a falarse de que o primeiro contaxio veu dos EUA. Os nacionalismos populistas de extrema dereita falen dos anticorpos patrióticos para vencer os virus estranxeiros (nunha versión epidemiolóxica da xenofobia) ou os nacionalismo periféricos falen do peche de fronteiras e confinamentos espaciales (como se o virus actuara con parámetros xeográficos).
No mundo de intercambios financeiros, comerciais e culturais globais, ademais da ineficacia de medidas de levantar fronteiras (é poñerlle portas ao mar), significaría entrar nunha recesión económica que afectaría a todas as estruturas do modelo de existencia tal como o coñecemos desde o renacemento, e levaría inevitablemente co paso do tempo e a falla de solucións a estados autoritarios con control de fronteiras e represión a aquelas persoas que intentaran cruzar os novos muros.
- Dereitos sociais e civís
A democracia é sen dubida o mellor antídoto contra a pandemia en termos de saúde e sobre todo para que o virus sanitario non se converta en virus totalitario.
Necesitamos esixir das autoridades transparencia e proporcionalidade.
A transparencia ten que ver coa información veraz e obxectivizable, e non con imaxes escatolóxicas ou estatísticas debidamente adulteradas para infundir medo na poboación.
A proporcionalidade ten que ver con abordar medidas que poidan ser asumidas responsablemente pola poboación.
¿Que pasaría si os gobernos nos impoñen unha políticas de confinamento e illamento social máis alo do asumible? ¿Estariamos dispostos por razón de ‘saúde pública’ a aceptar un confinamento de 4/6 meses?
¿Deberiamos ‘obedecer’ medidas das autoridades, tras influír nas opinións públicas, que por seguridade levaran por diante o noso modelo de convivencia e os nosos valores de participación democrática?
Obviamente, isto non pasa de ser unha posibilidade hoxe non formulada, pero calquera grupo de presión pode estar interesado en extraer conclusións desta sorte de ‘experimento sociolóxico’ no que estamos inmersos.
Necesitamos reactivar a sociedade civil con espírito crítico e capacidade de reacción ante o que poida pasar.
O espazo colectivo (político) non se pode limitar ao seguimento ou o rexeitamento acrítico do que fai o goberno converténdonos en grupos de apoio partidario. O espazo colectivo (virtual) non se pode reducir a facerse eco de tal ou cal ocorrencia ou meme. O espazo colectivo (visual) non se pode centrar en saír aos balcóns a facer o ridículo como se dunha noite de borracheira nun karaoke se tratara (o perigo máis grande seria que a poboación se infantilizara).
Reactivar a sociedade civil no senso colectivo (poñendo en marcha mecanismos que nos permita debater e construír alternativas desde a distancia física pero non emocional).
Debemos asegurar a unidade da sociedade civil e, desde esa unidade, esixir unidade as nosas autoridades, deixando de lado os seus intereses partidarios curtopracistas, pero tamén abrindo un diálogo democrático negociado. Esixir respecto carente de paternalismo. Non somos ‘soldados’ en ningunha guerra. O dialogo ten como piares a información veraz e a posibilidade de confrontar visións para despois chegar a consensos sobre o mellor para o ben común onde, como se puido comprobar nestas primeiras semanas da crise, o sector público, fundamentalmente sanitario, é central.
Sen dúbida esta crise vai ser un acelerador de procesos e esta por ver cara onde. Saiamos máis unidos dela e con alternativas para que evitar que algo así poida volver a ocorrer. As crises poden ser grandes oportunidades.