Vía Maragall e multilateralidade [*]

[*] Apuntes sobre o novo modelo territorial como elemento necesario para unha saída democrática á crise política 

Xoán Hermida

O conflito político, xa secular, derivado do encaixe ou desencaixe de Catalunya no Estado español apunta ao primeiro dos aspectos medulares da cuestión territorial do mesmo: o que se substancia no elemento de soberanía.

A recente demanda, expresada en mocións aprobadas nalgúns concellos, sobre a ‘secesión’ de León da actual comunidade autónoma de Castilla-León, máis alo da ser unha posición a día de hoxe minorizada, sitúa o segundo dos aspectos centrais da complexidade da cuestión territorial de España como estado: o de cantas entidades singulares conforman o conxunto.

Soberanía e composición son dous dos aspectos sobre os que necesariamente tense que abordar o debate político e a solución, sexa ou non posible o mantemento do actual marco territorial do que hoxe coñecemos como Estado español, dun dos aspectos centrais que sen dúbida a solución constitucional do 78 deixou resolto a medio camiño.

Ben é certo que a solución de transito que se lle deu á cuestión territorial no actual  encaixe constitucional xa ten de por si o xermolo dun federalismo asimétrico (incompleto) que podería ser o elemento estrutural sobre o que se asentara unha solución xusta e duradeira no tempo. Agora ben, a improvisación co que o estado das autonomías desenvolveuse posteriormente, a tensión uniformizadora co que se reinterpretou a cada paso a estrutura constitucional e o dogma uninacional co que se completou o episodio da transición crearon a súa vez unha asimetría construtiva que eliminou de facto calquera posibilidade conxunta de avance cara a un modelo plural no nacional e avanzado no democrático.

A reinterpretación democrática de España, tras anos de esgotamento do modelo fundacional do 78, vai ser imposible sen abordar a reforma en profundidade da estrutura territorial. Un motivo máis polo que os nosos representantes deberían ser audaces e prudentes.

Foi Pasqual Maragall quen concibiu a posibilidade, e así convenceu ao presidente Zapatero, de que diante da imposibilidade de abordar unha reforma do modelo constitucional pola vía da reforma global, esta se abordara desde Catalunya coa reforma do Estatut e que a mesma abrira o paso a sucesivas reformas estatutarias.

Efectivamente para a dereita española a constitución lonxe de ser unha oportunidade de partida era un punto de chegada. O que para uns era un instrumento adaptable, para outros era un programa de máximos.

A diagnose de partida era correcta, a dereita hexemónica, imprescindible para unha reforma constitucional, non ía permitir en ningún caso, unha actualización da constitución que conlevara unha reinterpretación da mesma. A aposta de Maragall-Zapatero tivo un éxito parcial coa aprobación de novos estatutos de autonomía de segunda xeración que consagraban novos dereitos e actualizaban conceptos inexistentes na constitución do 78 (situación desaproveitada en Galicia polo bloqueo do PP por abordar o novo estatuto formulada desde o bipartito PSdG/BNG).

Pero ese éxito relativo conlevou un bloqueo na política española, unha xudicialización da mesma e, o que é máis grave, a apertura dun tempo onde a capacidade para resolver o conflito político da plurinacionalidade no marco constitucional parece imposible.

Cando na recen campaña electoral a esquerda, por tactismo, ou o independentismo, por desinterese, non respondían con firmeza a pregunta, reiterada varias veces, das forzas da dereita de “cantas nación hai en España?”, ou, peor aínda, respondían coa frivolidade de “teño contado ata oito” amosaban a incapacidade das esquerdas de abordar este tema con capacidade de resolución.

Porque, tal como situaba no inicio deste artigo, a pregunta sobre quen é receptor de soberanía? e quen son os entes que conforman o conxunto? son as cuestión centrais na solución do problema.

Abordar o novo tempo e si este vai ser de harmonía democrática ou de tensións totalitarias ten máis que ver co como? e o quen? que con debates fundacionais, sobre federalismo ou confederalismo, ou  ideoloxicistas, sobre o termo nación.

No primeiro caso existen modelos federais e/ou confederais de todo tipo (mesmo no caso hipotético de secesión de Catalunya esta cuestión seguiría sendo oportuna porque seguirian existindo partes dun todo). O federalismo ou o confederalismo ten que ver co pacto fundacional dun estado pero a complexidade é de tal magnitude que temos estados federais plurinacionais e estados confederais uninacionais. Estados confederais con  capacidade única de decisión e estados federais con capacidade de decisión importante das partes. Sirva un exemplo: En Estados Unidos de América a pesar de que a guerra de secesión fortaleceu a capacidade de decisión da Unión, clave para o seu papel hexemónico no mundo, a día de hoxe os estados seguen a manter plena disposición legal á hora de abordar elementos concernentes ao núcleo central de dereitos civís como é o dereito á vida ou a pena de morte.

No segundo caso, non creo que encerellarse nun debate fetiche cun alto voltaxe ideolóxico teña consecuencias prácticas positivas. Nación de nacións, estado nación, nación cultural, nacionalidade, rexión, non deixan de ser categorías para o debate académico. Existe un estado constitucionalmente conformado como un todo que a súa vez esta conformado por partes que teñen un carácter singular profundo. Por outra banda existen sociedades cada vez máis plurais no seu conxunto onde conviven diferentes interpretacións de identidades, en case ningún caso unívocas. De como resolver a convivencia en cada parte e no conxunto das partes vai depender que se acentúen os movementos de integración ou de desintegración. Dito doutro xeito: España concibida como espazo común de convivencia entre persoas e, a súa vez, entre grupos humanos con diferentes identidades vai existir ou non na súa actual concepción tanto e cuanto sexa capaz de abordar as tensión derivadas da súa convivencia plural.

E aquí, é onde entramos nas cuestión centrais a resolver.

  1. Soberanías ou co-soberanías? Vivimos nun mundo global marcado pola cesión de elementos noutrora configurativos de soberanía. Espazos supranacionais con espazos arancelarios e monetarios únicos e estratexias de defensa conxunta. Participamos de marcos xurídico-políticos que teñen asumido aqueles dous elementos que máis caracterizaban aos estado-nación do século XIX: moeda e exercito, e, sen embargo, somos incapaces de resolver o tema da soberanía no marco do Estado. Sen dúbida aceptar múltiples grados de soberanía e regras legais para resolver posibles conflitos competenciais sería un elemento central na posible reforma constitucional (A Proposta do Parlamento Vasco para a convivencia en Euskadi, Novo Estatuto Político de Euskadi -Plan Ibarretxe, 2004-apuntaba a unha solución sustentada nunha proposta de múltiples soberanías).[1]
  1. Cales son os entes que se federan? Este é quizais o elemento máis complexo pois significa desandar o camiño do estado autonómico desde a LOAPA[2] ata hoxe.

Se atendemos ao precepto constitucional da asimetría entre ‘nacionalidades’ e ‘rexións’ entendendo como unha diferenciación, por historia ou por outros motivos, a existencia ou non dun forte carácter autoidentitario dunha parte moi significativa da súa sociedade, deberíamos abordar como elemento central de debate: a) a potestade lexislativa ou non da mesma; e b) a espacialidade de cada ente e a integración ou desintegración dos existentes.

Parémonos un pouco nestes dous aspectos, intimamente ligados.

Calquera autonomía ten un goberno executivo derivado da descentralización do Estado. Ata aquí todo correcto. Pero a existencia de diversos poderes lexislativos, isto é a potestade de lexislar, hoxe asignado a todas as autonomías, non tería maior sentido que só quedaran reducidas a aquelas que realmente se conformen como parte dun novo pacto constitucional? Obviamente parece difícil imaxinar que calquera das actuais autonomías renunciaran ao seu espazo lexislativo (parlamento autonómico), pero en realidade a existencia dun lexislativo só ten sentido nun marco federal de co-soberanías.

Estariamos diante dunha reforma constitucional complicada que necesitaría do concurso de todas as forzas políticas, fundamentalmente das grandes forzas de estado, pero por outro lado estas deberían ser as máis interesadas ao ser as máis empeñadas en defender que a unidade do actual  territorio do estado sobreviva na historia.

En todo caso, e namentres se dan as condicións para un novo consenso dificil hoxe de imaxinar, retomemos a vía Maragall. A recomposición de espazos autonómicos, integracións ou desintegracións, requiren constitucionalmente do concurso do parlamento pero non necesita de referendo por sufraxio universal do conxunto dos españois senón dos cidadáns concernidos (artigo 143 da constitución española[3]).

En que pode afectar á unidade do Estado unha posible separación de León de Castilla ou a integración dalgunha comunidade artificialmente existente noutra?

Porqué é menos constitucional unha comunidade autónoma vasca con tres provincias forais en lugar dunha de catro que inclúa Nafarroa? E máis, o propio  texto constitucional incluíu, ao entender os constituíntes da existencia dunha complexidade especifica a resolver, a disposición transitoria cuarta (aínda en vigor e sen aplicación practica ata o de hoxe) que di textualmente:

“No caso de Nafarroa, e a efectos da súa incorporación ao consello Xeral Vasco, ou ao réxime autonómico vasco que lle substitúa, no lugar do que establece o artigo 143 da constitución, a iniciativa correspondente ao Órgano Foral competente, o cal adoptará a súa decisión por maioría dos membros que o compoñen. Para a validez de dita iniciativa será preciso , ademais, que a decisión do Órgano Foral competente sexa ratificada por referendo expresamente convocado ao efecto, e aprobado por maioría dos votos validos emitidos”.

Mesmo a existencia das actuais provincias, como espazos de duplicidade administrativa e dubidosa lexitimidade democrática, poderían ser baleiradas de contido nun proceso de integración ata facelas coincidir xeograficamente con cada espazo autonómico atendendo aos mecanismo parlamentares que a constitución determina (artigo 141 da constitución española[4]).

Abordar a complexidade territorial do estado é un tema central e de primeiro orde no tempo constituínte no que estamos. Sen dubida necesita do concurso de todas as forzas políticas e dun importante consenso social, así como unha vontade multilateral hoxe inexistente. O novo goberno debería reactivar a vía Maragall naquelas cuestións que non requiran maiorías cualificadas e facendo un traballo que permita achegar posicións con toda, ou parte, da dereita para que o transito asegure un paso adiante nun marco de solución duradeiro.

Abraham Lincoln abordou a cuestión da escravitude desde o máximo respecto á legalidade constitucional. Tras unha guerra civil  con case un millón de mortos non so asentou unha nación unitaria, moderna e xusta,  fronte aos dereitos dos estados membros da Unión sobre a escravitude; senón que tras a proclamación de emancipación, e posteriormente a  aprobación da décimo terceira emenda, variou de xeito definitivo a legalidade americana e mundial.[5]

Os responsables políticos deberían atender ao espírito fundacional dos Estados Unidos de América: “As nación non existen só para si mesmas, senón tamén para promover o benestar e a felicidade da humanidade mediante a interposición benevolente e o exemplo”. [6] Que así sexa.

 

Notas.-

[1] Capítulo II.- Das garantías do autogoberno Artigo 14.- Principios de relación política co Estado          “1.- O réxime de relacións entre a Comunidade de Euskadi e o Estado español que contempla o presente Estatuto suxéitase ao establecemento dun réxime de garantías xurídicas baseado nos principios de lealdade institucional recíproca, cooperación e equilibrio entre poderes. 2.- En virtude da natureza de pacto político deste réxime de relacións, tanto Euskadi como o Estado deberán esgotar todos os instrumentos de cooperación e de prevención de conflitos que se establecen no presente Estatuto, renunciando en todo caso ao establecemento ou ao exercicio legal unilateral de medidas coercitivas de cumprimento obrigatorio para a outra parte. 3.- Con carácter xeral, o Estado e a Comunidade de Euskadi garantirán o emprego dos mecanismos de consulta previa e das cartas de cooperación, que constitúen requirimentos que poderán dirixirse libremente as institucións entre si a fin de solicitar a información e colaboración necesarias para harmonizar as súas actuacións respectivas e previr situacións eventuais de conflito.”

[2] A LOAPA foi aprobada polas Cortes Xerais o 30 de xullo de 1982 mercé un pacto subscrito entre o PSOE e a UCD e aínda que o Tribunal Constitucional negou o carácter orgánico e harmonizador da lei, declarando inconstitucionais 14 dos 38 artigos do proxecto de lei,  a parte non derrogada incorporar á Lei 12/1983, do Proceso Autonómico, coa mesma concepción homologadora.

[3] “2. A iniciativa do proceso autonómico corresponde a todas as Deputacións interesadas ou ao órgano interinsular correspondente e ás dúas terceiras partes dos municipios cuxa poboación represente, polo menos, a maioría do censo electoral de cada provincia ou illa. Estes requisitos deberán ser cumpridos no prazo de seis meses desde o primeiro acordo adoptado respecto diso por algunha das Corporacións locais interesadas.”

[4] “1. A provincia é unha entidade local con personalidade xurídica propia, determinada pola agrupación de municipios e división territorial para o cumprimento das actividades do Estado. Calquera alteración dos límites provinciais haberá de ser aprobada polas Cortes Xerais mediante lei orgánica.”

[5] “A proclama de Lincoln (proclamación de emancipación 22/09/1862) é aínda máis importante que a campaña de Maryland. A figura de Lincoln é unha figura sui generis nos anais da historia. Ningunha iniciativa, ningún ímpetu idealista, ningún coturno nin roupaxe histórico. Lincoln da sempre aos seus actos máis importantes a forma máis insignificante. Outros proclaman que ‘loitan por unha idea’ cando se trata dunha pulgada de terra; Lincoln, cando se trata dunha idea, a proclama como ‘unha pulgada de terra’ (…) Os máis  formidables e históricos decretos lanzados ao rostro do adversario parecen, e intentan parecer,  os cargos de rutina que o avogado envía ao avogado da parte rival, argucias legais, ríxidas e enrevesadas actiones juris. Así está composta a súa última Proclama, o manifesto de abolición da escravitude, que é o documento máis importante de toda a historia americana desde a fundación da Unión, posto hace añicos á vella Constitución americana” [Comentarios sobre os acontecementos norteamericanos. Karl Marx, 1962]

[6] Estrato da carta que Charles Francis Adams, embaixador de EUA en Inglaterra, enviou en nome de Abraham Lincoln á Asociación Internacional de Traballadores polo apoio recibido na loita contra o escravitude (1865)