A enerxía en Galicia: tres mitos

Xosé Veiras

Ao se diagnosticar a realidade enerxética de Galicia axiña afloran termos como potencia enerxética, excedente ou espolio. Popularizouse a visión autocompracente dunha Galicia rica e excedentaria en recursos enerxéticos, espoliados para beneficio alleo. Algo de verdade hai nesta diagnose, mais está lonxe de refletir adecuadamente a situación da enerxía en Galicia, ocultándonos a profundidade e a urxencia da transición enerxética á que nos obrigan a fin da era da enerxía abundante e barata e un perigoso cambio climático.

Temos tanta enerxía?

Galicia é, ou pode ser, unha potencia enerxética. Polo menos iso é o que se di ás veces. Pero, ¿pode ser unha potencia enerxética un pequeno país densamente poboado sen reservas de enerxía fósil (exceptuando o xacemento de carbón da Limia) e sen recursos renovábeis extraordinarios?. Certamente non, pero non é niso no que pensan os que fantasean coa idea de Galicia como un país rico en enerxía.

Non reparan nos recursos enerxéticos propios, senón nun sector transformador de enerxía (refinaría, regasificadora, centrais eléctricas de diverso tipo) relativamente potente no contexto español. Porén, este sector non se abastece só de enerxía galega. De feito, as materias primas enerxéticas que transforma en enerxía dispoñíbel para o consumo final (electricidade, combustíbeis, calor) proceden maiormente do resto do mundo, como acreditan os balanzos enerxéticos oficiais e testemuñan os tráficos dos portos da Coruña e a ría de Ferrol.

Non dispomos de tanta enerxía autóctona como se cadra pensamos. Non somos, nin moito menos, unha potencia enerxética. Máis atinado sería afirmar que somos unha “potencia en consumo enerxético”. Cando menos, estamos ben lonxe de sermos un país “atrasado” ou “terceiromundista”. A demanda interna de enerxía de Galicia, como a do conxunto dos países chamados desenvolvidos, medrou de xeito espectacular nas últimas décadas, até a situación actual de sobreconsumo. O consumo de enerxía final máis que duplicouse nos últimos 30 anos.  E no que atinxe, en particular, á electricidade, o consumo  multiplicouse por máis de 30 desde 1960.

Consumo galego de electricidade

 

 

 

 

 

Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Estatística da industria de enerxía eléctrica (Gráfico sobre o consumo de enerxía eléctrica en Galicia. Autor: Xosé Veiras)

 

A explosión da mobilidade motorizada, o incremento excesivo do consumo dos fogares e a localización no país de grandes empresas do sector da transformación de metais, devoradoras de enerxía (con Alcoa á cabeza), están entre as principais causas dun elevado consumo enerxético que será cada día máis difícil de soster,… até que chegue a ser imposíbel.

A enerxía renovábel autóctona, que hoxe cobriría un 30% do consumo interno galego de enerxía final, non semella suficiente para atender niveis de consumo de enerxía tan altos como os da Galicia actual, mesmo que estivésemos dispostos a suportar os considerábeis custos territoriais asociados á produción que sería necesaria. O mesmo se podería afirmar a escala global. “Cada día resulta máis evidente que a superación do teito do petróleo non vai poder basearse unicamente nunha substitución tecnolóxica e van ser necesarias medidas de aforro e mudanzas radicais nos patróns de consumo”, afirma Margarita Mediavilla, do Grupo de Enerxía, Economía e Dinámica de Sistemas da Universidade de Valladolid.

Sobre as limitacións das renovábeis tamén advirte Ecoloxistas en Acción na súa proposta Cara a un escenario enerxético xusto e sustentábel en 2050: “ningunha das enerxías renovábeis presenta as condicións de intensidade enerxética e facilidade de transporte que ten o petróleo, tampouco de regularidade de produción nin de facilidade de almacenaxe. Ademais non son independentes dos combustíbeis fósiles, xa que polo de agora dependen deles en todo o seu ciclo de vida”.

Cómpre sermos ben realistas e non caermos na “ilusión renovábel”. Como apunta Jorge Riechmann,  coordenador dun Grupo de Investigación  Transdisciplinar sobre Transicións Socioecolóxicas, “as enerxías renovábeis non poden proporcionar o sobreconsumo enerxético que hoxe nos parece “normal”, aínda que sí poderían abastecer unha sociedade que tivese aprendido o que significan suficiencia e eficiencia”.         .

No escenario de acusado descenso enerxético que se aveciña haberá sectores económicos que  gañarán importancia, como o agrario (por incríbel que nos pareza a día de hoxe), e outros que, inevitabelmente, perderán peso ou desaparecerán. Como a industria metalúrxica ou a automobilística. Dous dos sectores que se adoitan cualificar hoxe en Galicia, a esquerda e a dereita, como “sectores produtivos estratéxicos”, mais que dificilmente, polo menos na súa dimensión actual, encaixarían nunha estratexia económica de futuro respectuosa cos límites ambientais.

 Un excedente eléctrico que agocha unha dependencia externa brutal

É ben coñecido que Galicia ten un excedente eléctrico. Xa non exportamos a maior parte da electricidade xerada no noso territorio, como nos anos sesenta, nin somos tan excedentarios como outras comunidades autónomas españolas economicamente periféricas, mais aínda nos “sobra” algo de electricidade (un terzo en 2015), que exportamos ao resto da Península Ibérica (non só ao resto do Estado español, tamén a Portugal). E non só exportamos electricidade, tamén outras formas de enerxía dispoñíbel para o consumo, sobre todo produtos petrolíferos, mais tamén gas natural e agrocombustíbeis (en total, tamén arredor dun terzo nos últimos anos).

En materia de enerxía, semella que non queremos ollar alén das fronteiras españolas. Somos conscientes da función atribuída pola economía española a Galicia como subministradora de electricidade ou de derivados do petróleo. Mais temos pouco presente que, para obter esa enerxía, o sector enerxético galego importa grandes cantidades de petróleo, carbón e gas natural do resto do mundo.

O esgotamento das minas de carbón das Encrobas e As Pontes en 2007 deixounos sen enerxía fósil autóctona e  agudizou a nosa dependencia enerxética externa. Entre 2008 e 2012 (último ano para o que hai datos), Galicia importou unha media anual do 81,5% da enerxía primaria usada pola súa economía. Non temos pois ningún excedente enerxético. O que temos é unha enorme dependencia externa de enerxía (fósil). Unha das máis altas de Europa.

Espoliados mais tamén espoliadores

No que atinxe aos intercambios de enerxía de Galicia co exterior adoitamos ver só unha parte da realidade, a que nos sitúa no papel de vítima. É evidente para moita xente a función de Galicia como reserva de enerxía final de España. Un papel protagonizado por grandes empresas enerxéticas de capital non galego que se enriquecen no noso país deixándonos en troques moitos pasivos socioambientais. Unha desas empresas é ENDESA. Outrora pública, acabada de privatizar por Aznar en 1998, esgotou en só 30 anos o grande xacemento de carbón das Pontes, grazas ao cal obtivo uns tremendos beneficios, abrindo na terra un enorme buraco co que puido tapar  buracos financeiros como os das nucleares de Ascó e Vandellós. Hoxe aposta por prorrogar 25 anos máis a vida útil da central das Pontes, abastecida agora só con carbón importado, unha central ineficiente e sucia pero aínda moi rendíbel para os seus donos, a empresa italiana (pública!) ENEL, que non oculta o papel da súa filial ENDESA. “Está ben ter unha máquina de xerar cash. Xa quixeran outros”, ten dito Francesco Starace, conselleiro delegado de Enel.

Denunciamos con razón os danos socioambientais ocasionados no noso territorio polo sector enerxético galego (ou máis ben por unha parte del, outra segue gozando dunha sorte de impunidade social e política), aínda que, desde algúns ámbitos sindicais e partidarios, con esta denuncia non se busca tanto a minimización deses danos como a obtención de compensacións económicas, nomeadamente na forma dunha tarifa eléctrica galega máis barata, presentada como a solución principal para acabar cos casos de pobreza enerxética (esquecendo a mellora da eficiencia enerxética) e como incentivo para manter e atraer industria electrointensiva, aproveitando así en “beneficio propio” o “excedente enerxético” galego.

Porén, pechamos os ollos perante os efectos, a escala global (cambio climático) ou noutros territorios, vencellados á actividade das industrias enerxéticas asentadas en Galicia, a maior parte de cuxa produción, non o esquezamos, é consumida dentro de Galicia (dous terzos concretamente). Un sector enerxético que se abastece maiormente de petróleo, carbón e gas natural, a miúdo extraídos con enormes custos ambientais en países empobrecidos e/ou nos que non se respetan minimamente os dereitos humanos. Esa é a outra cara do espolio enerxético. A que, como país, non nos coloca no papel de vítima senón no de responsábel. Protagonizado polas mesmas empresas que nos espolian a nós.

A distorsión da realidade enerxética galega chega a tal extremo que mesmo algúns activistas da defensa do ambiente achan que Galicia non necesita xa de máis enerxía renovábel pois, tomando a parte (electricidade) polo todo (enerxía primaria), acreditan no inexistente excedente enerxético. E mentres desprezan o crecemento da enerxía renovábel, póñense de perfil perante as moi insustentábeis centrais de carbón importado e soslaian os seus enormes impactos extraterritoriais, entre os que salientan as elevadas emisións de dióxido de carbono -gas causante de cambio climático- e a moi destrutiva megaminaría do carbón. Practicamente todo o carbón queimado en Galicia está a proceder de Indonesia, un dos países do mundo máis ricos en diversidade biolóxica.

Se non partimos dunha boa análise da realidade da enerxía en Galicia e no mundo mal podemos  tentar avanzar cara a un novo modelo enerxético autenticamente sustentábel e xusto. Un modelo radicalmente diferente ao actual, vencellado a unha nova economía. No que soberanía  enerxética, decrecemento do consumo, democratización e descentralización da produción e renovábeis serían as chaves.