EDITORIAL 3: DEMOCRATIZAR EN MAREA OU MAREAS EN COMÚN? COOPERACIÓN E PRIMARIAS

O pasado 15 de maio era a data anunciada para o inicio do proceso da democratización de EN MAREA. Si é posible ou non democratizar un espazo concibido como de partes concretas (unha especie de Sociedade Limitada) máis que como un lugar aberto e cooperativo (algo parecido a unha Cooperativa Laboral) irémolo vendo co paso dos meses. Hoxe por hoxe ese debate non nos levaría máis que a un exercicio de procura das intencións das partes co maniqueísmo que iso conleva.

Por outra banda, o pasado 5 de xuño remataba en Marcón o proceso de Marea Viva impulsada polas persoas adscritas en  MAREAS EN COMÚN e que, aínda que lonxe de acadar o músculo  social necesario, ten apuntado algunhas cousas interesantes.

En todo caso atendendo ás vibracións, boas e malas, que nos deixaron ambos acontecementos podemos extraer algunhas primeiras conclusións.

Con respecto a EN MAREA:

  • En realidade a asemblea de EN MAREA, por máis que por momentos -sobre todo na sesión de tarde- apuntara intervencións interesantes, non foi máis aló de ser un mitin tradicional que serviu para abrir a campaña electoral e pechar cara afora as tensión que nas semanas precedentes se viviran no seu da coalición tripartita.
  • Existe un desinterese por parte dos partidos da coalición de incorporar a novos axentes a este club restrinxido. Seguen sen darse explicacións de porque dous dos partidos co-fundadores de AGE, ESPAZO e EQUO, foron excluídos no seu momento e non se lles convida a formar parte. Exclusión que adquire unha maior relevancia cando EQUO forma parte a nivel estatal da coalición UNIDOS PODEMOS.
  • Siguese sen ser capaz de seducir ás Mareas Municipalistas, autentica estrutura territorial de EN MAREA, para participar e implicarse no proceso. A invitación ás Marea Municipalistas urbanas a formar parte ‘con voz e sen voto’ á coordinadora de EN MAREA foi desatendida polas mareas de A Coruña, Ourense e Pontevedra. A exclusión das mareas das vilas medias non ten unha explicación que sexa entendible.
  • Que á hora de pechar as listas electorais as únicas candidatas que se cuestionaran foran as de maior perfil cidadanista e independente é máis que significativo, ademais de ter un simbolismo difícil de esconder.

Pola contra, o proceso de Marea Viva, impulsado por MAREAS EN COMÚN, ten o valor ao amosar que outro xeito de facer as cousas é posible:

  • Catro meses de debates, non exentos de contradicións, serviron para avanzar nun polo cidadá sustentado no principio de democracia radical de ‘unha persoa, un voto’, subscrito a día de hoxe por máis de 30 mareas municipais e respaldados por ESPAZO-EQUO, Esquerda Unida, Cerna, Foro Galego ou Decide en Común.
  • Durante o proceso de debate das propostas para os catro apartados -organización interna, gobernanza, código ético e primarias- participaron máis de un centenar de persoas directamente con un total de 21 propostas. A capacidade de transaccionar e dialogar fixo que ao final se conseguira unha única proposta consensuada para cada apartado.
  • Especialmente significativo foi que en MAREAS EN COMÚN aprobase por unanimidade a formula de ‘partido instrumental’ como idonea para presentarse ás eleccións que tantos quebradeiros de cabeza provocou en EN MAREA. Seguramente isto teña que ver que no caso de EN MAREA este debate formulouse como un ataque de parte contra o resto e atendendo máis á loita de poder das partes e de xeito irresponsable pois, mesmo no caso de que os inscritos de EN MAREA así o decidisen, os trámites legais non estaban culminados para poder ser utilizado a tempo. Á vez que o máis importante quedaba ao marxe, tendo pouca importancia o partido instrumental se non se avanza en recursos humanos e financeiros comúns e se limita o poder das partes que conforman EN MAREA.

En todo caso, en plena campaña electoral de nada sirve queixarse do que puido ser e non foi, agora toca esperar e traballar para que EN MAREA, como instrumento electoral, teña un bo resultado nas eleccións xerais do 26X e ir construíndo desde MAREAS EN COMÚN o instrumento político que por forza debera ser cooperativo e nos que a elección de todas as persoas candidatas se faga por primarias é clave para gañar.

Nese senso, as dicotomías EN MAREA versus MAREAS EN COMÚN non aportan nada nin son a mellor formula de abordar a seguinte etapa que se abra tras as xerais. Cabe afirmar que a formulación de coalición electoral entre partidos, aínda que desde o punto de vista político non desprega todas as potencialidades cidadáns, é lexítima sempre que se especifique claramente que se trata dunha coalición electoral tal como así o fai UNIDOS PODEMOS. Non debera ser lexitimo a usurpación do marco simbólico das mareas por parte de partidos que nalgúns casos nunca creron nesa formula de participación cidadá.

Namentres,  desde o Foro OBenComún non queriamos deixar de felicitar a ESPAZO-EQUO pola súa asemblea de confluencia e desexar que este pequeno paso sirva tamén de exemplo de que se pode e se debe avanzar na unidade desde a cooperación e desde a incorporación de novas axendas.