Editorial 2: Proxecto nacional e dereito a decidir

Unha semana despois de que o anunciara (e o realizara) Podemos, En Marea acaba de convocar un referendo aberto para fixar a súa propia posición sobre a investidura para a presidência do goberno de España.

Os días anteriores, múltiples voces individuais e colectivas (como Espazo) viñan demandándolle a En Marea esta consulta.

Vivimos un período de transición política complexa que non acaba máis que comezar. Esta transición vai afectar nos planos político, socioeconómico e cultural, e tamén vai ter consecuencias na representatividade electoral, na estrutura partidaria, nos formatos de agrupamento cidadán e nun novo tempo no cal as estruturas partidarias clásicas xa se viron desbordadas.

Podemos e os seus aliados deberían, por tanto, ter moita precisión política e esforzarse moito na pedagoxía precisa para abordar a cuestión da investidura. Trátase de que non cale en sectores que o apoiaron ou en posibles sectores aínda necesarios para ampliar a súa base social e electoral (condición imprescindible para converterse en alternativa de goberno) a idea dunha ‘pinza’ coa dereita, que tan bos froitos lle deu ao PSOE nos anos noventa.

Estamos nun proceso preconstituínte no cal os aspectos relacionados co afondamento democrático (blindar a soberanía estatal fronte aos oligopolios, avanzar na configuración plurinacional do Estado, separar de xeito real os poderes, dotar o país dun novo sistema electoral que garanta a proporcionalidade persoa/voto, ou lexislar clara e contundentemente contra a corrupción) son centrais. Mais tamén estamos nun ataque indisimulado e brutal, desde a dereita política e económica, contra as conquistas sociais e os dereitos derivados delas.

Esta dobre dimensión, democrática e social, esixe dunha dobre estratexia.

Por unha banda, unha estratexia ampla para un proceso de rexeneración democrática onde teñan cabida sectores que, sen seren de esquerdas, se sitúan nitidamente no campo da transformación democrática. Son necesarios para poder abordar modificacións constitucionais.

Por outra banda, un deseño de goberno claramente de esquerdas que recupere os dereitos sociais perdidos e aborde unha nova xeración de dereitos sociais e ambientais.

Proceso constituínte democrático e goberno de esquerdas son dúas vertentes que deben ser abordadas coa mesma intensidade e proporcionalidade. Dúas vertentes que deben ser abordadas situando no mesmo plano non só a vella coordenada tradicional esquerda-dereita senón esta nova coordenada de impulso dunha democracia real, tan necesaria para non deixarse enlear por unha trampa bipartidista na que o PP é a dereita, o PSOE a esquerda, e o resto son forzas subsidiarias que teñen necesariamente que aliñarse tras deles.

En Marea, do mesmo xeito que Podemos, arrisca coa súa posición política e arrisca cos referendos, facendo o anunciado, pero iso forma parte dos desafíos aos que hai que someterse en política para ser coherente.

Ademais, para En Marea esta consulta ás bases é un paso importante na súa conformación como proxecto nacional.

Mais alá de debates, ás veces en termos tácticos e partidarios, o referendo é un eixo vertebrador na construción dun proxecto nacional cidadán e participado (lembremos a Marx: “cada paso de movemento real vale máis que unha ducia de programas”).

A construción dun proxecto nacional, superador das diferentes posicións nacionalistas identitarias, confórmase desde a participación dos cidadáns da nación.

So así se pode construír unha nación de cidadáns, e polo tanto un proxecto galego, porque o soberanismo cívico é o mecanismo central para construír a nova política.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*