Unha de cal e outra de area

Luca Chao

Artigo publicado orixinalmente en Praza Pública

Unha pantasma recorre Europa, é a da xenofobia, a do medo ó descoñecido, a da covardía e da islamofobia. Unha pantasma que toma forma en partidos políticos de extrema dereita, cando non directamente filofascistas. Partidos que medran ó fragor da crise económica e dun debate ficticio entre liberdade e seguridade, que pechan fronteiras e levan ós diferentes gobernos a mudar de postura para aprobar tratados que condenan á morte a miles de persoas e vulneran os máis elementais dereitos humanos. Ata The Times advirte de que a policía turca está disparando a sirios que escapan da guerra porque intentan cruzar as súas fronteiras. Incrible e indignante que novas como estas non ocupen as portadas de todos os xornais.

Sen embargo, pese a que o foco mediático está a milleiros de quilómetros de Siria, de Turquía, da dor e das bombas, esta vez non poderemos dicir que non sabíamos; sabemos e non queremos ser cómplices. Por iso, cando finalmente o señor Rajoy acuda ó Congreso esta semana, ten a obriga política, pero tamén moral, de responder de imaxes como esas. Debería responder porqué, pese a ter un mandato parlamentario claramente en contra, decidiu facernos cómplices dun tratado que nos avergoña e dá o golpe definitivo a calquera posible idea dunha  Europa social e de dereitos. Debería, en condicional, por iso de sinalar que as expectativas de que verdadeiramente o faga e respecte a casa da soberanía popular, son, sendo xenerosas, escasas.

Igualmente incomprensible resulta que o interese dos medios tampouco estea nas novas máis alentadoras que chegan dende Francia. Polo pronto, atopamos escasas referencias na prensa tradicional ó que xa se está chamando 15M francés. “Non o verás nos medios de comunicación”, reza algún tweet que bule baixo a etiqueta NuitDebout, noite en pé, e que engarza miles de comentarios que axudan a entender o que está pasando en Francia.

É inevitable trazar paralelismos entre as imaxes que están chegando desta primavera francesa co movemento do 15M español. Desa experiencia, e doutros movementos semellantes que se coñeceron como dos indignados grazas ó famoso libro-manifesto que Stéphane Hessel publicou en 2010 (non en vano, francés, como aquel maio do 68), puidemos aprender que a semente da indignación é unha arma poderosa de transformación social e política. Unha ferramenta capaz de derrubar gobernos e de alumear partidos políticos, de repolitizar a axenda, sinalar culpables e poñer as palabras precisas para nomealos.

Como no 15M, a NuitDebout trátase dunha convocatoria fraguada nas redes sociais á marxe de partidos políticos ou sindicatos. Todo comezou cunha manifestación multitudinaria en contra da reforma laboral que propón o goberno de Hollande (á española). Ese primeiro non fundacional do que falou Albert Camus, un non que marca a fronteira entre antes si pero a partir de agora non vamos aceptalo nunca máis. Un non dirixido ós recortes en dereitos laborais, ós partidos tradicionais e moi especialmente ó Partido Socialista Francés, acusado de traizoar os principios da socialdemocracia; un non á extrema dereita da Fronte Nacional, á Europa neoliberal, un non, en definitiva, a ter que seguir pagando as consecuencias dunha crise que non provocaron. Por iso, as consignas que se escoitan van moito máis lonxe das reivindicacións contra a reforma laboral, mesturan política e poesía e falan da ledicia do cambio.

Aínda que é demasiado pronto para sacar conclusións acerca do percorrido que poda ter o incipiente movemento, reconforta ver que nesta Europa agonizante, aínda hai algunhas imaxes de esperanza: persoas que saen ás rúas para poñer o foco no importante, que non se resignan, que gritan “non no noso nome”, plans B, gañas de cambio, xente que en Francia canta alto “Podemos, nous aussi podemos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*