Editorial 1: Precisamos de intelixencia para interpretar o novo tempo e audacia para non deixarnos vencer polas fórmulas do pasado

A estas alturas no debate político xa practicamente ninguén cuestiona que estamos nun momento de cambio estrutural na democracia española; de deconstrución, por activa ou pasiva, dun modelo esgotado; de construción dun novo tempo necesariamente máis democrático e máis xusta social e ambientalmente.

Á marxe de como se desenvolvan os acontecementos políticos, culturais e/ou institucionais próximos, o que si parece ben claro é que entramos nun período de transito, que vai ser necesariamente longo e que con el están a ser substituídos os interfaces recoñecibles como esquerda e que durante un tempo representaron os sectores mais progresistas e avanzados da sociedade.

Das múltiples datas que se poden buscar á hora de construír un relato de cambio gañador, dous son os momentos referencias. O 15 de maio de 2011, como punto de inflexión da repolitización da cidadanía e que permite construír un relato democrático amplo, e as pasadas eleccións municipais do 24 de maio de 2015, que son o punto de partida do novo movemento cidadanista.

De como sexamos capaces de combinar o legado democrático do 15M e o legado cidadanista do 24M, seguramente teremos acertado ou non, non so á hora de arrancar unha vitoria electoral ao PP nas próximas eleccións autonómicas senón en asentar un ‘construtor’ politicamente sólido e socialmente atractivo para unha maioría social para as próximas décadas.

Nun tempo histórico en que operan simultaneamente varias dialécticas: dereita/esquerda (é dicir, a defensa dos privilexios fronte á forza dos de abaixo), centralismo/nacionalismo (é dicir, o nacionalismo españolista fronte ao nacionalismo galego), e vella/nova política (é dicir, a casta que engordou o descrédito das institucións contra os que as queren recuperar para a maioría), o feito de aspirarmos con todas as consecuencias á responsabilidade de gobernar obríganos a ter vocación transversal.

Cun caudal superior aos 400.000 votos e máis do 25 por cento do electorado, a hexemonía clara entre as novas xeracións do país, a primeira posición absoluta na nosa cidade máis poboada e o papel de primeira forza progresista no resto das cidades e vilas, En Marea saíu das eleccións xerais do 20 de decembro, e ante a xa inminente renovación do Parlamento Galego, co mandato de pilotar a alternativa á dereita dos recortes, da corrupción e do auto-odio.

Pero En Marea, unha vez máis como ocorrera con AGE, amosou unha gran capacidade electoral de aglutinamento de voto pero unha escasa intelixencia política á hora de abordar as demandas da nova cidadanía.

A súa conformación en formato de coalición partidaria tradicional, relegando as Mareas a un papel de infantaría; as súas contradicións no relato e na oferta política; a súa incapacidade para conformar unha cultura e simboloxía común; a súa debilidade para aparecer coherentemente ao lado de Podemos sen por iso transmitir a idea de subsidiario, son algunhas das eivas que xa están a quedar á luz nos seus escasos tres meses de existencia.

O tempo dirá se En Marea, a diferenza de AGE, sobrevive a estas primeiras contradicións e se consolida nun proceso democrático e de apertura real ou sucumbe no intento. Polo de pronto, ata agora so tivo a capacidade para absorber o capital simbólico que as Mareas cidadanistas construíron para as municipais.

Nas próximas semanas celebraranse unha serie de cumios partidarios (Anova, EU, Podemos) e encontros cidadáns que, se dubida, axudarán a despexar as interrogantes que penduran sobre o proceso das Mareas.

Polo de pronto, quen xa se ten definido ao respecto é Espazo (Ecosocialista), que na resolución aprobada póla súa Comunidade Aberta o pasado 19 de marzo definiuse ao apostar por un proceso constituínte de unidade cidadá e democrático arredor das Mareas. Un proceso que “non é nin pode configurarse nun partido pois nel necesariamente convive unha pluralidade política e cultural expresada en iniciativas municipalistas, partidos, colectivos sociais e persoas.”

E onde sitúa que “as Mareas municipalistas (Mareas do Común) son o elemento vertebrador do proceso da Marea, teñen que ser a súa estrutura de contacto coa xente e deben buscar procesos de coordinación que lles permita despregar ao máximo as súas potencialidades, fuxindo da tentación de crear estruturas comarcais ou provinciais que curtocircuiten o poder político das propias mareas ou converténdoas nas delegacións territoriais dunha estrutura clásica e verticalizada”.

Vai se importante, sen dubida, a conferencia de Anova, que se celebrará o 10 de abril, porque, hoxe por hoxe, Anova representa, a pesar das súas limitacións orgánicas e da súa incapacidade para abrirse a outros sectores dunha esquerda nacional, a expresión nacionalista do proxecto de confluencia. Das declaraciónsdos seus portavoces, coñecidas ata agora, sabemos que en Anova hai unha aposta clara por En Marea como proxecto que hai que construír e polo ‘partido instrumental’ como mecanismo para asegurar un grupo parlamentario propio no caso de repetición de eleccións xerais. No primeiro caso, os nacionalistas deberían aclarar se o proxecto de construción de En Marea o entenden como un exercicio de democratización sincero ou como un proceso para vertebrar unha nova forza política, cos mesmos tics da vella esquerda, pero cunha nova roupaxe. No caso do debate sobre o ‘partido instrumental’, parece un debate extemporáneo, non porque non sexa necesario para resolver a cuestión da necesidade política do grupo parlamentar galego senón porque a mesma foi sobredimensionada nun debate que, en todo caso, interesa exclusivamente aos sectores nacionalistas na súa disputa particular.

A evolución que siga Esquerda Unida ten máis interrogantes, porque vai estar condicionada polo resultado da Asemblea Federal de IU que se celebrará moi tarde (en xuño). Por agora sabemos que o sector oficial encabezado por Alberto Garzón quere recuperar o carácter sociopolítico fundacional mentres que os sectores da actual dirección e de Izquierda Abierta xogan a conservar e manter os erros dos últimos anos.

Esquerda Unida, ao igual que Anova, neste caso con mais necesidade polo esgotamento claro do seu espazo político, deberían abordar un proceso de confluencia que lles permitise definir un congreso constituínte dunha esquerda nacional, dentro das Mareas, onde seguro que terían acubillo persoas hoxe sen referente partidario ou correntes galeguistas e nacionalistas disidentes tras a última asemblea do BNG.

Outro polo de atención é, sen dubida, o proceso de primarias de Podemos-Galicia do que sairá en abril a nova dirección nacional e a súa secretaría xeral.

Ata o momento, das tres candidaturas presentadas hai unha, a do actual secretario xeral, que xa debuxou claramente que as Mareas son para el unha aposta táctica, cambiante en función dos intereses partidarios, namentres que as outras dúas teñen afirmado a vocación estratéxica polas Mareas.

Na letra pequena existen concepcións que fan da candidatura de Ángela Rodríguez a máis próxima politicamente ao espazo de centralidade hexemónica que defendeu na última etapa Podemos estatal e unha proximidade cultural e militante coas Mareas municipalistas. Isto, xunto coa madurez política e intelectual do equipo que a acompaña, convértena na candidatura máis solvente para construír o referente de Podemos inmerso no proceso de confluencia.

Pero, sen dubida, o máis importante dos espazos que están a moverse é a iniciativa de Mareas do Común, posta en marcha na Estrada o pasado xaneiro, e acompañado desde aquela polas máis importantes Mareas municipalistas.

O proceso seguido ata agora foi sendo inclusivo e, á espera do que hai días Xulio Ferreiro definía como momento constituínte, as próximas citas van ser decisivas para ver se se asenta un movemento de Mareas aberto, flexible e de voto cidadán (e, polo tanto, adscrición individual) ou se se volven reproducir os esquemas de delegacións, locais ou comarcais, que tanto gusta pola súa capacidade de control aos dirixentes partidarios ou á vella esquerda perdedora incapaz de imaxinar un proxecto para maiorías reais.

Demasiadas interrogantes e poucas certezas, en todo caso.

O que si parece claro é que a desorde na estrutura de partidos políticos vai seguir porque o que está en cuestións son os propios instrumentos que viñan actuando.

Que os novos interfaces non van ser partidos, tal como os temos coñecido no último medio século, e que estamos diante da vertebración dun bloque político-social de cambio, dun espazo de intervención política coas mareas e de espazos partidarios concibidos como referentes culturais e de ideas. E, ademais de todo iso, a cidadanía.

E se non somos capaces de diferenciar cada un deses elementos, pretendendo homoxeneizar ou estratificar cada un deles, ou facendo trampas nas intencións reais das partes, seguramente os actuais éxitos electorais se convertan en fracasos políticos.