Editorial cero: Múltiples voces para un novo relato

 

Vivimos tempos de grandes cambios na articulación política e social. As novas formas de interpretar a política vanse abrindo paso nun proceso que parece irreversible. Un proceso fundamentalmente de transformación democrática que tivo o seu punto de partida nas prazas hai cinco anos.

Desde ESPAZO (Ecosocialista) temos intentado estar atentos e ser co-participes destes cambios e aportar novas ideas e novas formas a este proceso (re)evolucionario.

Temos ido experimentando con outros en AGE  e nos temos sumerxido nas Mareas Cidadás nas municipais. Nestas últimas eleccións xerais temos apostado por EN MAREA, sabedores que a pesar  das súas carencias é o espazo sobre o que se pode vertebrar o Bloque Político-Social de cambio.

Sabemos que un dos problemas da esquerda é o seu exceso de voluntarismo, a súa carencia de reflexión para abordar os novos parámetros que se están a configurar nunha realidade complexa.

Por iso, hai dous anos iniciamos unha liña autónoma de intervención cultural no debate de ideas. A marca OBenComún serviu para publicar dous títulos: “A (re)construción da esquerda nacional “(2013) e “Ecoloxía Política: Olladas desde Galicia” (2015). Agora xa estamos traballando nun novo libro sobre os retos das novas  democracias. Tamén temos feito algunhas xornadas de debate e temos en axenda  algunha outra programación cultural.

Agora queremos ir máis aló. En outubro pasado decidimos formalizar o Foro OBenComún como un primeiro paso dunha futura Fundación para a análise política e social en Galicia, desde unha perspectiva global e democrática, na xustiza social e ambiental.

Queremos contar para iso con  moitas  voces.

Aínda que o Foro parte dunha iniciativa de ESPAZO queremos construílo do xeito máis independente e baixo uns parámetros de pluralidade e liberdade de pensamento.

Nesta ágora virtual iredes atopándovos reflexións e ideas dunha vintena de persoas colaboradoras que porán letra á música do novo tempo. Cada certo tempo abriremos debates monográficos no que convidaremos puntualmente a profesionais e especialistas coñecedores do tema que se aborde.

A idea é poder nese senso colaborar con outras institucións políticas e académicas de aquí é doutros lugares.

O obxectivo último: a procura de novos horizontes, a identificación de  novas  axendas e a composición dun novo relato necesarios para poder pensar outro futuro.

Benvidas!

 

One thought on “Editorial cero: Múltiples voces para un novo relato

  • Lembremos o que dicía Marx sobre interpretar o mundo e transformalo. O Ben común precisa de pensamento diverso e de praxe común.
    Seguireivos con interese, coma sempre, e atrévome a suxerir un tema para o debate tirando, xa que logo, do meu propio interese “profesional”: Mantén o traballo (ou a súa ausencia) a centralidade na vida das persoas?
    Seguen a ser precisas as organizacións sindicais como instrumentos de resposta colectiva diante dunha sociedade laboral cambiante? Por que da a sensación de que se pensa que os sindicatos (coas súas eivas, que as teñen) forman parte da vella política e semellan estar lonxe das preocupacións principais, polo que representan, das novas políticas.
    Se nos deixamos levar polas impresións subxectivas, mais parece que reforzar a organización social no mundo do traballo carece de interés. Voto a faltar chamamentos de organizacións políticas que se reclaman do Ben Común a reforzar a quen leva moitos anos na percura do mesmo. E abofé que non penso en siglas concretas. Falo de principios e fins.
    Saúde.

Comments are closed.